sábado, 21 de diciembre de 2013

Fardel de exiliado




Esta semana saltou a polémica polo anuncio de Campofrío, que na mesma linha de anteriores anos polo Nadal ten humoristas que pretenden dar unha mensaxe de esperanza. O lema é faite estranxeiro, e unha fantástica Chus Lampreave sopesa que nacionalidade coller porque ser espanhol é unha vergonha. Coller unha desas nacionalidades vaite facer mais rico, organizado, etc. A conclusión final é que non paga a pena porque os espanhois seica somos máis espontáneos, e temos os mellores bares de Europa.

As reaccións son moitas e moi extremas. Dende xente que atopa a ocurrencia tenra e doce, nesta época de familias unidas e felices, ata outros que consideran que é o enésimo intento de correr un velo de pailanismo sobre os males do pais, recorrendo a unhos cantos lugares comúns.

Neste ano que remata venho de unir á multitude de xente que deixou o pais. No meu caso non por desesperación, senón por circunstancias persoais e non económicas. Trasladeime dentro da empresa na que traballaba perto de Madrid, pero xa estaba nos meus plans mudarme a terras británicas. Eu xa vivira en Londres hai once anos, e unha morriña perpetua lembrábame a cidade constantemente.

Foron, principalmente circunstancias persoais, a necesidade de pasar páxina tras rematar unha etapa nunca cidade na que de súpeto non tinha sentido quedarme. A opción natural foi voltar á minha patria escollida. O pais ao que adaptara tan ben no 2002. Levo xa 6 meses, e entendo o sentimento inicial do que fala o anuncio, pero non o final. Non sei se a distancia da obxectividade, si a xente no pais prefire obviar a realidade, pero eu alporizo con cada nova que chega ata min a propósito da corrupción e as declaración sempre sobradas dalgúns membros do goberno, e o partido que hai detrás del. Como os mesmos que recurtan en sanidade, educación e cultura, os mesmos que presentan como luxos conquistas sociais que levou séculos acadar, como esa xente que ten os presupostos reducidos a zoa de guerra, sube os seus propios soldos e os dos seus asesores e colaboradores chegando a duplicar e mesmo triplicar a cifra orixinal.

En momentos como ise non sinto expatriado, sinto directamente exiliado. E non só non arrepinto de ter bulido, senón que directamente penso en como puiden tardar tanto en facer as maletas. Non digo que o país no que vivo agora sexa perfeto, ou non tenha as suas cousas por mellorar. Pero dende fora podo ver claramente a idea da decadencia na que caeu Espanha. Como todas as instancias do estado, a banca e empresa son só pantallas para cubrir o lixo que hai detrás. Como a xente que medrou provocando a crise sigue a sair impune e a enriquecerse, namentres tanta xente vive na beira da necesidade ou ten que sair.

Porque moitos sairon, non por espirito de aventura, senón porque non lles quedou outra. Eu son un privilexiado e non me queixo, pero estou de acordo co que dixo Fernán Gómez de que en Espanha non só fallan os que mandan, senón tamén os que obedecen. Porque chegarán as vindeiras eleccións e o prepotente partido que goberna con maioría absoluta vai revalidar esa maioría absoluta, para vender como luxos e agasallos do sistema servizos que pagamos cos nosos impostos. Para non facer a necesaria reforma no sistema político, para que sexa administrado de xeito eficiente i equitativo o dinheiro público, creando riqueza e benestar social en troques de desigualdades e privilexios. Porque se non hai cartos para a escola pública, non pode haber axudas para a privada.

Un dos maiores productores de perlas deste goberno agresivo cos cidadáns que ten ao seu cargo, o ministro de educación de infausto nome, o señor Wert, dixo que os estudantes non poden estudar o que lles apetece. Senhor Wert, hai décadas que algúns xa o fixemos. Eu estudei dereito en troques de Historia da Arte, porque das carreiras de letras era a que supostamente tinha máis saída. Tenho traballado de todo, menos de avogado, porque honestamente ter estudiado os meus dereitos de xeito tan teimudo para que logo alguén limpie con eles as súas partes, non pagándome durante dous anos de pasantía, e logo dándome un soldo de caxeira de supermercado por un traballo escravísimo ao que lle hai que adicar moitas horas, mais das 8 horas de oficina doutros traballos, non estaba nos meus plans.

Algo cheira a podre, e non hai que ir a Dinamarca, e tampouco falo das rúas de Madrid, cargadas de lixo hai tan pouco tempo. Os mesmos que ían chegar rexenerar o maltreito estado por mor da famosa herdanza recibida, levan gobernando de xeonllos cara a os fortes e con dureza con quen máis precisa da súa axuda.  Así que non é doado sentir fachendo por un país no que a clase media está depauperada, pero hai máis ricos ca antes da crise. E un pobo que admira esas conductas delictivas e chulescas de pelotazo e sobres que rematan en contas suizas. De inxenuidade vestida de Louis Vuitton, e contabilidade despistada.


Un pais onde dende esta semana parece que tes máis dereitos antes ca despóis de nacer. No seo materno es valiosísimo, e fora del de súpeto xa non tes dereito a unha educación completa se non podes pagala, a ser protexido si tes a mala sorte de estar nunha beira desafortunada da sociedade, a unha boa sanidade onde nos escatimen en medios para salvala túa vida por unha cuestión de orzamentos, a expresar a túa opinión e contestar as políticas do goberno dende a rúa nun exercicio de sá rexeneración democrática. Ise pais hoxendía é Espanha, i eu non sinto o menor fachendo por el, nen a menor tentación de voltar.

sábado, 30 de noviembre de 2013

Chanzos mollados



Ainda é de noite, o lume do facho move na dirección do vento e de cando en vez saltan faiscas. Pecha os ollos con noxo e fastío. Non está afeito a ter que bulir as agachadas, el que sempre entraba ou saía das cidades con gran pompa. Pero tinha que facelo así, con discreción, amparado pola escuridade da noite porque un rei non fuxe á luz do día. A desacougada superficie do mar non é a planicie de Castela, pero non lle queda outra saída. O barco agárdao non lonxe da beira, coas  reais galas discretamente agachadas. O bote abala e roza os cons. El está parado nos chanzos polos que baixou da muralla da cidade , ata que o axuden a subir sen sufrir a indignidade de caer. Reservanlle un asento confortable no bote e cando acomoda  alguén da a orde de remar. A barca abala, e pensa que ese mar desacougado semella unha metáfora da política do seu reino, dividido e alporizado.

As súas fillas xa están no barco, de feito só agardan por el para levar áncoras e partir rumbo a Baiona, a negociar coa corte de Inglaterraa  axuda na súa lexítima loita por manter o trono herdado do seu pai. Sube pola escada ao barco onde o capitán recíbeo coa debida cerimonia, mesmo na fuxida, mesmo na escuridade vergonzante da súa fuxida, segue a ser El-Rei.

Olla á terra que vai quedando lonxe, non sabe si abraiado de que a cidade non afunda no mar, que a terra se laie de quedar sen senhor. ¿Será un bó agoiro a prácida alborada que o despide da costa galega? ¿Será que o pais no fondo recibe con ledicia o quedar en mans dun novo senhor? ¿Tería do seu lado á providencia ou sería un proscrito tamén no alén despois de ter mandado a morte do arcebispo de Santiago denantes de fuxir?

Eses chanzos mollados foron testemunha de cómo Don Pedro I, rei de Castela e León viaxaba á corte de Inglaterra para pedir axuda económica e apoio militar a Eduardo, príncipe de Gales, máis conhecido como o Príncipe Negro. O fillo mais vello de Eduardo III de Inglaterra tinha sona de afouto guerreiro. A axuda inglesa veu tras dun tratado no que o deseperado rei comprometía a ceder terras a Navarra e Inglaterra a cambio de axuda.  Despóis diso, veu  a inicial victoria de Náxera, e a derrota e a morte en Montiel.

As fillas que foran co seu pai á corte inglesa quedaron nela, e casaron con dous dos fillos de Eduardo III. Constanza casa con Xoan de Gante, Duque de Lencastre e Isabel casa con Edmundo de Langley, duque de  Iorque. Beatriz,  a filla máis vella (i herdeira) de Don Pedro morre o mesmo ano co seu pai, e non é ningún segredo que o ambicioso Xoan de Gante casa coa seguinte da lista para reclamar o trono do defunto sogro. Carto fillo varón de Eduardo III e Filipa de Hainaut non ten moitas posibilidades de acadar o trono, pois entre el e o herdeiro hai ainda outro irmán, Guillerme de Hatfield, polo que os seus pais cásano co mellor partido de Inglaterra, a súa curmá Branca de Lencastre, filla do duque máis rico do reino.

Xoan é alcumado de Gante por ter nacido nesa cidade flamenca. É un dos homes máis ricos de Inglaterra e disfruta dun cómodo estilo de vida, vivindo en varios castelos da súa propiedade. Pero a diferencia do seu pai e irmán non ganhou nunca unha soa batalla. Pero non por iso deixa de ser ambicioso. Anos despóis de casar coa Infanta Constanza ambolos dous embarcan cara a península ibérica para reclamar o que consideran o seu lexítimo trono. Desembarcan na Coruña, e suben os mesmos chanzos mollados que baixara Don Pedro anos antes. Pero agora son aires de conquista os que sopran sobre a cidade, e non sombras de humillación.

O duque e Dona Constanza conquistan A Corunha, Santiago, Pontevedra e Ourense onde deciden instalar a súa corte agardando a que remate o inverno, e a unir as súas forzas ás tropas que envía o rei de Portugal para axudalos na súa ofensiva para recuperar o trono perdido. Non queda moi claro ata que punto as cidades galegas renderon ao poder militar dos Lencastre, ou se pola contra os moitos partidarios de Don Pedro que aínda quedaban na nosa terra acolleron as pretensións do home da herdeira do antigo rei. Embora houbo conquista e violencia en Ribadavia, onde a importante poboación xudía sufreu  o saqueo por parte das tropas inglesas, non se sabe se por cobiza ou antisemitismo. Esa polémica pola facilidade con que moitas prazas galegas foron rendidas ao duque supuxo a expulsión das súas terras de moitas familias nobres locais, como a familia que rendeu o Castelo de Monterrei ao Lencastre, dun xeito doado de máis para o goberno trastamarista. Esa familia, refuxiou en Portugal, e o seu apelido era Camoens. Un dos seus descendentes sería o famoso poeta Luis de Camoens. Outras familias foron privadas dos seus senhoríos por amosar lealdade á vella dinastía, e foi o comezo da decadencia da literatura en galego, en especial da lírica.

A pesares das derrotas militares que sufriron o duque e a súa dona, polo decidido apoio do rei de Portugal (que casou cunha filla do primeiro matrimonio do de Gante) e as simpatías ca súa causa aínda espertaban, mantiveron teimudos as súas reivindicacións. Finalmente as partes chegaron a un acordo e a man da única filla dos duques foi concedida ao herdeiro da coroa de Castela. Catarina de Lencastre casou co que sería Henrique III, e solventou a disputa dinástica. E curioso ver como na lápida da súa tumba na capela dos reis novos da catedral de Toledo a rainha Catarina reivindica  ser neta do xusticieiro rei Don Pedro e de Eduardo de Inglaterra.

Se unha irmá resolveu o pleito dinástico casando a súa filla co herdeiro da dinastía rival, a outra irmá, Isabel fixo xusto o contrario pero en Inglaterra. Posto que, a pesares de que o seu matrimonio co Duque de Iorque non foi unha unión feliz, foi a fundadora da rama Iorque da casa real inglesa (a rosa branca) e o seu bisneto reinaría como Eduardo IV. Ainda que precisamente a rama rival sexan os Lencastre (a rosa vermella) descendentes do primeriro matrimonio do duque.

Esta historia medieval lémbranos o peso e influencia que a nobreza galega tinha na política castelá, así como o valor estratéxico da nosa terra en disputas políticas desa era. Tamén a curiosa relación que no Medievo tiveron Galiza e Inglaterra tanto no comercial como no político. Dende Guillerme o conquistador ata o devandito duque de Lencastre. Eses mesmos chanzos mollados viron partir cara a Inglaterra a Catarina de Aragón para casar co príncipe de Gales e a Felipe II para casar coa súa filla, María Tudor. Tamén veron partir a Carlos V rumbo a Alemanha para ser coroado emperador.

Eses chanzos mollados atopanse no que hoxe é a Porta de San Miguel nun dos poucos fragmentos supervivintes da muralla medieval da Corunha, construida en tempos de Henrique III, que casara coa filla do duque que os subiu con ánimo conquistador e neta do rei que os baixou a procura de axuda na súa desesperación.



sábado, 9 de noviembre de 2013

Domadora de versos



Hai 10 anos a nova da prematura morte da poeta  Xela Arias sorprendía ao mundo da cultura galega. Falecía nova de máis, 41 anos, dun xeito inesperado e ademáis nunha data próxima a do pasamento doutra poeta nova, Luisa Villalta. As reaccións foron moitas e moi positivas, loubando a calidade da súa obra. Entre quen manifestou admiración polos seus versos  estaban (entre outras) as escritoras María Xosé Queizán e Chus Pato. Esta derradeira considerada companheira de Xela na xeración dos 80.

A poética de Xela salientou pola súa orixinalidade. Despóis da Longa noite de pedra de Celso Emilio e a Pólvora e magnolias de Méndez Ferrín, a poesía galega apartaba un pouco a denuncia para xogar coa súa creatividade. E unha das que abriu caminhos nise sentido foi a nosa poeta. Aínda que gran conhecedora da cultura galega por vínculos familiares (o seu pai foi un importante directivo da Editorial Galaxia ) tamén recibe unha forte influencia da literatura estranxeira. Boa traductora de obras á nosa língua (Castelo Branco, Joyce ou Fehnimore Cooper entre os escritores que traduciu) a literatura contemporánea é unha clara influencia no que escribe. Pero si algo caracteriza os seus versos é a súa liberdade creativa, e a súa honestidade.

Un bó poeta chega ata a sentir un certo pudor de compartir a súa obra máis persoal ou intimista. Moitos escritores no pasado levados por ise pudor pediron que se destruira parte da súa obra inédita (Rosalía é un exemplo disto). Pero na súa modernidade Xela chegou mesmo a espir físicamente nas fotografías que ilustraron o seu libro Tigres coma cabalos , obra do fotógrafo Xulio Gil (que era a súa parella).

Eu conhecina precisamente porque alguén moi próximo tivo que facer un traballo sobre ela nunha materia de doutorado na Complutense, e boiteille unha man para traducir do galego. Disfruto da poesía pero non tenho disciplina dabondo para ler poemarios enteiros. Só acadeino con Rosalía, Lorca e Baudelaire…e con Xela Arias. Os seus poemas adoitan ser curtos, tremendamente intensos e moi orixinais. Quedei abraiado vendo expresións como tododiós nun poema. Pero os seus versos sacaban a beleza do inaudito.

Sorprendeume o persoal, ata certo punto a linguaxe un pouco críptica da poeta. Pero ela mesma entrega un mapa para percorrer os mundos dos seus versos sen pérdida. Nos seus temas, nas súas expresións, na sintaxe da súa obra. En especial dúas figuras que se repiten, que para ela tenhen un significado particular. Auga e animáis, mesmo criaturas fantásticas. A auga é o amor que sacia a sede ou arrasa ciudades, os animáis son a liberdade a lombos de quen fuxir da dura realidade. Da sociedade que aliena aos individuos.

Os seus versos son un berro de liberdade, liberdade na puntuación, liberdade nas maiúsculas, na métrica, pero sobre todo nos temas e o xeito de expresalos. O continente sublimado polo contido. E verdades que golpean ao lector, dun xeito fermosamente prosaico.

Xela publicou catro poemarios. Denuncia do Equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Aínda permanece inédito o poemario Lili sen pistolas que quedou finalista do Esquiu de poesía e aparentemente non convencía moito á súa autora. A evolución que vemos dende o primeiro ata o derradeiro é sobre todo na forma. Comeza cunha liberdade de formas caseque total ata rematar nos poemas-rap de Intempériome, onde cada sílaba constrúe un verso. Amor, liberdade, alienación, morte. Descritos, cantados, chorados e ridos como só a sensibilidade dunha muller da súa cultura podía escribir. Reivindicando a profundidade do individuo frente o ruido das masas.

Falaba do seu carácter de precursora, de abridora de portas, exploradora de caminhos que a seguinte xeración de poetas (Yolanda Castaño, Enma Couceiro ou Olga Novo, entre outras) seguiron. De feito chegou a coincidir con elas nun traballo colectivo de poetas galegas homenaxeando a Rosalía.

É un pouco tópico dicir que o galego é unha lingua moi lírica, feita para a poesía e que deu grandes poetas tanto mulleres como homes, porque non podemos esquecer a Celso Emilio ou Manuel María entre outros. Pero é innegable que as voces femininas salientan dun xeito especial nas nosas letras. Nunha terra matriarcal, de mulleres fortes, a poesía e fermosa pero tamén auténtica, sincera. Mulleres que falan de si, en feminino singular, pero dando voz a moitas outras mulleres como elas, que poden sentir parecido.

Sinto algo de vergonha de non tela conhecido en vida, e ter que conhecela a través dunha profesora da Complutense. Pero despóis de ler a súa obra, aprendín a ollar doutro xeito a poesía contemporánea, e mesmo levoume a replantexarme cousas a nivel creativo. Ainda así confeso que mantenho a mina preguiza no tocante á poesía. De cando en vez leo algo pero son un devorador de narracións. Por sorte a poesía e a música en Galiza tenhen unha relación estreita, e moitos bos poemas rematan sendo boísimas cantigas. Polo momento non sei de nengún músico que tenha creado partindo da obra de Xela, pero coido que algún proxecto contemporáneo encaixaría moi ben coa súa obra atónica, explosiva e sincera.

Hai rumores de Día das letras galegas tanto para ela como para Luisa Villalta. En cinco anos ambalas dúas cumplirán o requisito de levar 15 anos lonxe do mundo terreo. Por unha banda é interesante que tanto os rapaces nas escolas, como o público en xeral por fin lean sobre poetas contemporáneas en troques de antropólogos do franquismo. Por outra banda é unha mágoa que dúas carreiras brillantes e dúas mulleres novas murcharan dun xeito tan precipitado.


viernes, 1 de noviembre de 2013

Mininhas da Corunha



O gran bardo, Pondal, dixo nun dos seus poemas o que segue:

Miniñas da Cruña,
d' amabre despejo,
de falas graciosas
e pasos ligeiros,
deixá de Castilla
os duros acentos:
falade, miniñas,
falade gallego.

Desgrazadamente é un tópico moi extendido a pouca ou nula galeguidade da Corunha, mesmo un certo antigaleguismo. Levo loitando contra isa falta á verdade dende cativo. Son corunhés e sinto moi fachendoso de selo. Ollo, non quero dicir que sexa mellor ou peor por ter nacido nesta cidade. Sinxelamente forma parte da minha identidade, e gústame. É verdade que dos sete pecados capitais a minha cidade (ou máis ben os seus cidadáns) pecan (ou pecamos) de soberbia. Certo que ás veces dun xeito sobrado en exceso, e ollando por riba do ombreiro a xente doutras terras.

Certo que o tópico de pouco galega espállano primeiro, e denantes que ninguén, moitas persoas da cidade. Hai pouco Rafa Cuiña puña un post no Facebook abraiado de que unha muller dixera en V televisión que na Corunha falar galego considerábase propio de xente da aldea. Faime graza a facilidade coa que certa xente institúe en portavoz de todo un colectivo, e falan sen complexos en nome de toda unha cidade. Pareceme un atrevemento cando o fan os políticos, que dalgún xeito estarían lexitimados polos seus votos. Pero cando alguén totalmente anónimo decide falar en nome dun colectivo xa me parece a repanocha. O malo é cando hai quen recolle esa luva e da por certa a afirmación. Un dos comentarios a ese post aseguraba tranquilamente que nas cidades falase pouco galego, sobre todo na Corunha.

Gustaríame que quen pon á minha cidade de primeira na lista aporte porcentaxes que amosen claramente que noutras cidades fálase aínda que sexa un chisco máis de galego. Recentemente un estudio amosaba claramente que o nivel máis baixo de falantes de galego estaba nas cidades de Ferrol, A Corunha e Vigo. Pero non salientaba ningunha delas por riba das outras. O curioso é que a pesares diso Vigo é percibida como unha cidade galeguista (cos mesmos niveis de falantes que ten Corunha) namentres que Corunha é percibida como unha cidade espanholista. Ollo, que  non quero entrar en polémicas entre cidades i escollo Vigo precisamente pola distinta sona, que ten a pesares de compartir isa característica coa eterna rival. Tenho un grande respeto pola cidade olívica, e coido que un dos grandes problemas da nosa benquerida terra é precisamente o dos localismos exacerbados que non levan a nengures. Podo entender unha sana competencia que leve a sacar o mellor de cada cidade, pero non a unha xenreira destrutiva.

Entendo que todo isto ben sobre todo do franquismo, onde devandito cabeza do réxime vinha pasar os veráns perto da Corunha, no Pazo de Meirás. A pegada que deixou na percepción da cidade perdura ata hoxe, e un exemplo moi absurdo diso foi a negativa de Javier Clemente a ir praticar golf no campo de golf da Corunha coa excusa de que Franco xogara alí de cote. A pregunta é, ¿Señor Clemente fai vostede o mesmo co campo de golf donostiarra onde tamén veraneaba e sen dúbida xogaba ao golf?

Por suposto que non vou negar a dura realidade de que nas cidades meirandes de Galiza falase moito máis castelán que galego. Por moitas razóns. Presenza de foráneos que non falan a lingua, cousas do éxodo rural onde moita xente asimilaba o galego á dura vida na aldea, a diglosia, a autoxenreira, en definitiva. Innegabel que iso é así. Ogallá A Corunha fose a gran excepción, pero isa é a realidade doutras cidades galegas, guste ou non. Leve quen leve a sona.

Pero a minha cidade tamén é a cidade da Cova céltiga, e quen queira ver sobranceiros personaxes da nosa cultura que non están no Panteón de Galegos ilustres, ten que pasar por San Amaro onde (entre outros) atopará os restos de Pondal, Curros e Murguía. Pondal e Curros pediron expresamente ser enterrados na cidade. O monumento a Curros (que estaba destinado a ser o seu túmulo) é obra do escultor Asorey, e o seu cortexo funerario ata o cemiterio corunhés foi  seguido por centos de persoas. O mesmo Curros dixo:

Ouh meiga cidá da Cruña
 cidá da Torre herculina
De xeracións recordo
máis fortes q'as d'hoxe en día

Cidade na que tamén viviu Rosalía varios anos. Que salientou no tempo das irmandades da fala e foi unha cidade sobranceira nos primeiros movementos galeguistas, especialmente no século XIX porque non imos negar o papel que no século XX desenrolaron primeiro Ourense como foco da Xeración Nós, e logo Vigo nos tempos das primeiras editoriais en galego cun residente tan importante como era Don Álvaro Cunqueiro.

Levo toda a vida defendendo a miha cidade de prexuizos que salientan só unha parte da realidade, i esquecen as profundas raíces galegas da terra que gobernaba Breogán, e dende a que unha manhá sen néboa os celtas descubriron Irlanda. Porque precisamente a orixe da torre de Hércules foi un dos debates máis interesantes do noso Rexurdimento, inspirando mesmo un poema satírico de Francisco Añón dicindo que non a construiran nen os celtas, nen os romanos, nen gregos nen fenicios, fora construida…polos canteiros!

Na excursión de fin de curto de 8º de E.X.B. (fin da primaria daquela) fun cos meus companheiros de Franciscanos a Toledo, Madrid e Salamanca. En Madrid estivemos un par de noites nunha pensión da rúa do Príncipe, perto da Praza de Santa Ana. Non sei si foi a primeira ou a segunda noite, outro colexio galego (da Marinha) aloxouse na pensión. Non lembro ben si eran de Ribadeo ou Viveiro, pero cando fun á habitación duns companheiros un deles estaba un pouco abraiado porque vinhan de dicirlle, cando falando con eles dixo que eramos da Corunha, que na nosa cidade non sabiamos falar galego. Saín inmediatamente á fiestra a chamalos de todo en galego. O curioso é que aos cinco minutos veu o seguridade da pensión é díxome: Mira rapaz, eu non tenho nada contra ti, pero si volto escoitar a túa voz berrando polo patio dormes na rúa.

Non tiven outro remedio que calar, pero non foi a única vez. En campamentos, excursións,... mesmo fora de Galiza dicir que vinha de onde vinha cambiaba caras e actitudes de xente, o cal paréceme moi inxusto.

O meu avó materno era da Corunha ao cento por cento. Dunha familia do Martinete, xunto a Mesoiro e perto de San Vicente de Elvinha, no antigo concello de Oza. O seu pai era de Vilaboa no concello de Culleredo. E o meu avó falaba só en galego. A minha nai é corunhesa,  nada e criada na nosa común cidade (filla de nai ourensá, do fermosísimo concello de Allariz) e pensa en galego, que tamén usa de cote. A minha avoa paterna é de San Xosé, entre Meicende e o Ventorrillo, e a súa língua é claramente o galego.

Rosalía de Castro no seu prólogo de Cantares Gallegos agradecía á escritora Fernán Caballero que se desmarcara nos seus escritos dos topicazos que outros escritores esaxeraban dando mala fama á Galiza e os seus habitantes. Eu agradezo que a xente denantes de caer en xeralizacións absurdas asuma que na Corunha hai galegofalantes fachendosos da súa língua e cultura. Que a cidade tivo moito peso no rexurdimento, e que deu moitas das figuras sobranceiras da nosa cultura.

Entendo que moitas veces son os propios habitantes da cidade os que dan isa imaxe. Entendo que o Vazquismo fixo moito dano niste sentido. Pero non deixen que ninguén fale en nome dun colectivo de casaque 250.000 persoas, con distintas circunstancias e ideas. Moitos deles profundamente galeguistas, e profundamente corunheses.



sábado, 19 de octubre de 2013

Por fucinhos


Despois dunha semana de descanso (non sei si merecido ou non) volvo á disciplina deste blog. Esta semana vou abordar un tema tan importante como é o futuro da nosa lingua, que está nas mans dos rapaces e rapazas que están a medrar i educarse nistes días. Por suposto no mundo tecnolóxico e audiovisual no que vivimos, a televisión e a radio tenhen un rol moi importante na formación dos espectadores. En especial dos rapaces, que asimilan todo o que ven, especialmente deste xeito tan doado e ameno.

Salienta dentro da TVG un programa que xa caseque leva 20 anos emitindo debuxos e programas infantís internacionais en galego, falo por suposto do Xabarín Club. A súa contribución á normalización lingüística pareceme moi importante. E non, a normalización lingüística non son un colectivo de radicais simpatizantes do terrorismo agachados tras das súas pancartas. A normalización lingüística é algo absolutamente necesario si queremos que a nosa lingua siga a ser unha lingua viva e falada. E toda lingua asegura o seu futuro con novos falantes. Algo totalmente necesario e natural nunha sociedade onde conviven dúas linguas sen igualdade de condicións. O fomento da lingua máis feble socialmente ten toda a lóxica para garantir o seu futuro.
O gran mérito do Xabarín é precisamente facer que rapaces que nunca escoitan galego na súa casa ou no seu eido en xeral, o fagan dun xeito totalmente natural. Cando o Xabarín comezou alá polo 1994 eu xa estaba a piques de entrar na universidade, e aínda así vía o programa co meu irmán, que ten o carnet gardado como un tesouro. Eu ía a un colexio privado e os meus companheiros eran nos máis dos casos xente da burguesía corunhesa, clase media-alta, nas antípodas do perfil cotiá de galegofalante. E aínda así, lembro a alguna das minhas companheiras máis estiradas a cantar a canción dos Heredeiros da Crus Que jallo é, co seu famosísimo refrán churras, churras, churras. Porque xunto coas series en galego estaban as estupendas cancións de A cantar con Xabarín que ademáis do megahit dos heredeiros da Crus (tiveron outro chamado Íscalle lura) tinhan boas cancións de grupos galegos como o Estou na lavadora  do Caimán do río Tea, e cancións dos Diplomáticos de Monte Alto, Yellow pixoliñas, etc. O que se deu en chamar Rock bravú. Pero esas cancións cargadas de humor e referencias rurais tenhen o mérito de que xente que ata daquela consideraba demasidado boa para falar galego, cantase con naturalidade e humor as súas letras.

O Xabarín daquela foi unha especie de versión galega da famosa Bola de cristal que rachara con todos os precedentes en programación infantil naquela Espanha efervescente dos oitenta. Porque o Xabarín ademáis de ponher debuxos cun éxito brutal como As bolas do dragón, tinha microespazos propios como a sección na que o doutor TNT falaba das derradeiras tendencias de banda desenhada. Ou a sección de moda de Silvia Superstar, a cantante da banda viguesa The killer barbies. Tamén podíamos escoitar en galego os experimentos caseiros do Mundo de Beakman.

Dun xeito caseque imperceptible ese programa acadou que moita xente comezase ver programas en galego, o que quere dicir no seu caso que podemos consideralo un éxito rotundo no obxectivo que ten a Radio televisión de Galicia de contribuir á normalización lingüística. Xa falarei en xeral da Galega e ata que punto cumple ou non con isa finalidade, alén da obxectividade dos seus informativos ou a evidente falla de naturalidade ao falar en galego dos máis dos seus presentadores.

Saco iste tema, porque no medio dos moitos recurtes e precariedade do mundo editorial galego hai pouco voltou saír á rúa a revista Oink do devandito Xabarín club. É unha boa nova porque é o xeito máis natural de que os espectadores do programa afagan a ler en galego. Un primeiro paso para ganhar lectores para a nosa lingua, comezando con revistas e banda desenhada, e no mellor dos casos pasando á boísima literatura infantil e xuvenil que ten a nosa lingua.

Outra das grandes contribucións da televisión galega á normalización lingüística entre os máis novos son as dobraxes das películas de Asterix. Algunha delas tenhen unha dobraxe épica, como a que de As doce probas ou Asterix e Cleopatra. Falando co meu irmán (e coido que non somos os únicos) marcaronnos tanto istas dobraxes que cóstanos máis velas en castelán, afeitos as moi boas voces dos seus dobradores.

Non me gusta estar sempre en clave planhideira e pesimista, porque son optimista de meu e prefiro quedarme co  bó das cousas, aínda que a situación real da nosa lingua non permite que durmamos nos loureiros pensando que porque a xente sexa quen de ver anime en galego está todo salvado. Pero polo menos é un xeito de que os cativos venzan prexuizos dos seus pais e os adultos que os arrodean, e podan chegar a estimar o galego por eles mesmos ainda que aprender unha lingua require moita disciplina, e a preguiza que xeralmente caracteriza á adolescencia non case ben con ela. Un rapaz que non sexa animado a aprender polos adultos que o arrodean vai sentir menos estimulado a facelo. Se dun xeito doado, como a través da televisión, dáselle a ese rapaz a posibilidade de aprender e practicar unha lingua, ise rapaz será un adulto que  a conheza,  e poderá expresarse nila máis adiante.

Falaba unhas linhas máis arriba da literatura infantil e xuvenil e está a piques de sair un interesantísimo proxecto literario que combina narración e ilustracións. Chámase Vento e chuvia e nel Manuel Gago fala da cultura castrexa, dos seus homes e os seus deuses dun xeito didáctico pero entretido. Unha boa programación en galego pode ser o paso previo a que os rapaces lean libros na nosa lingua.
A teimuda resistencia do galego a políticas represoras no pasado, baseaba ata certo punto no illamento do mundo rural. Niste mundo de aldea global e comunicación planetarias os medios audiovisuais tenhen que ser un aliado que axude a dar un futuro a linguas nunha situación de vulnabilidade. Longa vida ao Xabarín, que siga moitos anos axudando aos nosos rapaces a afacerse a que os seus personaxes favoritos falen na lingua dos seus avós.


sábado, 5 de octubre de 2013

O negocio das letras



Esta semana saltou a nova de que varias editoriais galegas pedían á Fundación Otero Pedrayo e á Editorial Galaxia que fagan público o testamento de Otero Pedrayo, e se dea a posibilidade de publicar as súas obras. O curioso é que a nova no Faro de Vigo fora publicada en perfeto castelán (xa non chegamos nin aos mínimos de  sacar o galego en domingos e festas de gardar). Despóis diste inciso, as editoriais interesadas salientaron que non é por unha cuestión  comercial, dado que desgrazadamente o interese polos nosos clásicos é ben escaso. Tamén paréceme interesante que os herdeiros e depositarios dun legado literario, que mesmo recibiron propiedades que lles dan ingresos económicos para cumplir coa tarefa de manter e difundir ise legado, o garden con tanta cobiza. Algún día falarei do fascinante mundo das fundacións para manter o legado de escritores, porque hai cousas ben interesantes.

Por outra banda, non penso que sexa un fenómeno illado de Galiza, pois os clásicos en xeral non interesan. Eu xa mencionaba a importancia de ler as obras de referencia universal nun artigo anterior, e como nos máis dos casos limitamos a lelas na escola, e obrigados. Entendo que non sempre é doado ler algunhas delas, aínda que a boa literatura lese moi ben. Por iso o negocio editorial moitas veces é moi complicado, porque non esquezamos que o obxectivo de toda empresa e obter beneficios. Pretender vivir dos libros nun país que lé mais ben pouco non é doado. No mellor dos casos a xente lé un libro ao ano, que adoita ser o premio Planeta, que lle agasallaron no nadal ou no aniversario. Si es un home tes todas as papeletas para que che caia ise agasallo que, ollo, é correctísimo. Os meus respetos para unha editorial forte que pode vivir da literatura alén do debate que poda agromar sobre calidades. Eu estou totalmente de acordo con Javier Marías no que dí de que el respecta a calquera persoa que escriba, aínda que o resultado sexa de mala calidade, porque mesmo escribir algo malo require tempo i esforzo. Ademáis un dos alicientes do Planeta é que adoitan ganhalo escritores cun nome i é un xeito de que a xente lea a Vargas Llosa, Juan Marsé ou Terenci Moix.

A outra cara da moeda do mundo empresarial das letras son as editoriais que arriscan e deciden vivir no límite da rendabilidade, por amor á arte poderiamos dicir. Pero ise amor a arte, o publicar xéneros pouco agradecidos en cifras de vendas como a poesía ou o conto, é o calcio que alimenta o esqueleto de calquera literatura. O conto é un xénero que vende  pouco, cunhas cifras moi por debaixo da novela, pero quen non lea conto vai perder toda a obra de Borges, boa parte da de Cortazar e boísimos retrincos de Cunqueiro, por ponher só algún exemplo.

En Galiza hai editoriais que arriscan e defenden a boa literatura alén da súa rendabilidade. Unha curmá do meu pai non acadaba que ninguén lle publicase o que escribía, e decidíu crear a súa propia editorial. Arriscou e montou unha pequeña editorial que publica en base á calidade das obras, sen buscar o potencial de best-seller, e sae adiante aínda que non dea para crear un holding. Afortunadamente editoriais como isa permiten que a literatura tenha un balón de osíxeno de cando en vez. Tamén as boas librerías que dan un estrado a escritores para dar a conhecer as súas obras, alén do que paguen as editoriais grandes para ponher a súa publicidade ben visible.

Con 18 anos comecei escribir unha serie de contos. Despóis de moito tempo a argallar neles   (entre medias estudiei unha carreira, emancipei, comecei no mundo laboral, hipotequei e saquei tempo de onde puiden para escribir) hai tres anos din por rematada a súa creación, corrección e revisión. Despóis de facer descartes e engadir retrincos de inspiración de derradeiro minuto, deixei o número na cifra redonda de 50 contos. Respectando a superioridade numérica e literaria de Bocaccio e Margarida de Angulema. Un deses relatos fora publicado 4 anos antes na revista Madrygal, que saca anualmente o departamento de románicas da Complutense con temática 100% galega. Convencido de que era o momento, puxen en contacto cun máximo responsable dunha importante editorial, que me pediu que llos enviara para botarlle unha ollada. Ao mes os meus contos voltaron por correo cunha carta que gababa a súa calidade, pero que aseguraba que era mal momento para publicar, dado que pola crise tinhan unha longa cola de espera de material por publicar.

Non souben moi ben como interpretar isa negativa. Porque pensei que gabar algo por caridade non tería sentido. Unha amiga que leu a carta díxome que esa persoa non ganhaba nada mentindo, e que si gabara a calidade era por algo. O certo é que publicar contos dun autor desconhecido é todo un suicidio en termos económicos, para unha editorial. Só os autores consagrados poden permitirse isas veleidades creativas, e aínda así tampouco venden tanto como cunha novela. O gracioso é que calquera futbolista publica unha biografia con 25 anos, normalmente escrita por un xornalista deportivo, e venden moitos exemplares aínda que penso que ninguén os merca para lelos, e son parte do millonario merchandising que move o actual opio do pobo. Hai mesmo quen merca libros para que as súas estanterías non parezan tan solitarias.

Acadados os 36 sen ter publicado máis ca dous contos na devandita revista Madrygal, un remata por temer quedar toda a vida  na terra dos escribintes sen sorte, como dixo Vargas Llosa nun dos seus discursos de agradecemento do Nobel. Pero o certo é que aínda que non saiba moi ben que vai ser dos meu escritos, tamén  é certo que son unha necesidade. Esta semana lin, nun artigo sobre unha exposición adicada ao artista multidisciplinar da Movida  Carlos Berlanga, que dixo que crear cada disco era un gran sufrimento. O xornalista preguntoulle que se o pasaba tan mal por que creaba. A súa (evidente) resposta foi que porque o precisaba, porque era unha necesidade para el. Non é bo momento para publicar en galego, pero isa non é razón para non escribir en galego. Especialmente cando o precisas i estas cheo de ideas. A cuestión é atopar tempo.

No artigo do Faro de Vigo sobre Otero Pedrayo alguén dunha editorial punha o exemplo de  Inglaterra porque (segundo esta persoa) alí a xente lé os clásicos, i eu que vivo en Inglaterra non estou tan certo . De feito tenho un exemplo claro e recente, porque hai tres anos comecei o costume (excéntrico para moita xente) de ler en outono  un dos sete libros de À la recherche du temps perdu de Proust. Tenho un volume coas 7 novelas, pero coa minha recente mudanza, non sei en que caixa das moitas onde están gardadas as minhas cousas estará. Así que quería mercar o cuarto libro da serie (Sodome et Gomorre) e pensei que nunha cidade como Londres non seria dificil atopalo. Fun á libraría Waterstones da rúa Piccadilly (que é enorme, das máis grandes senón a meirande da cidade) e para a minha sorpresa a escolma de libros en francés non chegaba a encher unha estantería (compartida con libros en alemán) e nin rastro de libros de Proust. Embora moitos de Amélie Nothomb i escritores actuais, o único clásico representado era Zola.

A conclusión é que neste tempo de discordia egocéntrica no galeguismo, ogallá que cheguen a un bó acordo e saia á luz a obra completa dise gran escritor que foi Otero Pedrayo.




sábado, 28 de septiembre de 2013

Demócratas



Recentemente a BBC emitiu unha serie de tres documentais sobre a relación entre as dúas maiores aportacións de Atenas á cultura occidental: democracia e teatro, que naceron ao mesmo tempo. A teoría que expunhan considera que xorden simultáneamente porque o teatro é un xeito de controlar ao goberno democrático. Pois a liberdade de expresión é imprescindible para que o sistema democrático estea sempre baixo control e non caia nos excesos da tiranía. Xa sexa a través das comedias de Aristófanes, ou das traxedias de Eurípides, dun xeito directo ou sutil os excesos do sistema e dos políticos eran satirizados ou expostos para a consideración do pobo . Por exemplo na súa famosa obra As Troianas Eurípides critica os excesos da guerra e as súas terribles consecuencias sobre os habitantes de zonas en conflicto. Pero non o fai en abstracto, nin denuncia os excesos cometidos moitos séculos antes en Troia, senón o ano anterior na invasión ateniense da neutral Illa de Milos, arrasada pola polis por querer permanecer neutral na Guerra do Peloponeso, e non apoiar á poderosa cidade de Atenea. A poboación foi duramente castigada despóis da conquista, sendo asasinados os homes e escravizadas as mulleres, como as dignas Hécuba e Andrómaca na obra do dramaturgo ateniense.

A pesares de que semelle que estou a esbardallar falo de democracia por unha afirmación contundente do actual conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, esta semana nunha entrevista en El Pais. O senhor conselleiro dicía sen asomo de dúbida que “os que se opoñen ao decreto do galego non son demócratas”. Completaba o piropo chamándoos mentirosos e ademáis dicindo que apoian ao terrorismo. Nin Dante fixo unha descripción tan apaixoada da súa adorada Beatrice. Tamén parapétase en que como eles tenhen a maioría absoluta, dalgún xeito están lexitimados a falar en nome da democracia, e a vergonzante minoría que non lles votou a calar e asumir a sabedoría que lles deu a vitoria nas urnas.

Voltando ao modelo ateniense, vemos que a liberdade de expresión é imprescindible para que o sistema estea engrasado, e vemos cos principais personaxes da política e vida ateniense están sentados entre o público e aplauden obras nas que son criticados dura e abertamente. Mesmo existe a lenda de que Sócrates levantou a aplaudir nunha pasaxe en que Aristófanes era especialmente irónico con el. Pola contra segundo o señor Vázquez un bó demócrata ten que calar a boquinha porque a maioría que votou a un partido é mais sabia ca minoría que non soubo ver as vantaxes de por no goberno a ese partido. É dicir, ise mecanismo imprescindible na Atenas de Pericles (onde a súa amante Aspasia era brutal e públicamente criticada) é inconcibible na democracia moderna onde os que non votaron ao partido do goberno son, no fondo, un fato de perdedores que tenhen que asumir a súa derrota como bos perdedores. Unha visión máis propia dunha novela galdosiana do século XIX, coa imprescindible figura do cesante agardando cos seus volten ao goberno. Con respeto a isa minoría, os seus dereitos,o control dos cartos dos seus impostos ou a visión da cousa pública que poidan ter non son válidos porque non forman parte da maioría. Isa parece ser a lóxica á que obedece a visión do conselleiro.

Nunca entendín, nin entenderei, por que os partidos en Espanha semellan gobernar só para quen os votou. Cando suponse que o obxectivo do goberno é o ben colectivo, de quen te votou e de quen non o fixo, que non deixa de ser cidadán e ter os seus dereitos (xunto as obrigas que supón isa cidadanía). Na mesma entrevista mencionase unha actitude máis dialogante e conciliadora cara ao galego doutro membro da Xunta de Núñez Feijoo (o secretario xeral de política lingüística) que falou no parlamento galego de buscar un novo clima de diálogo en favor da nosa lingua. Pero o conselleiro non quixo saber do tema porque está claro para el que quen non concorda coa súa política minte, é un demagodo, apoia terroristas e non é un demócrata. O certo é que quen concibe un xeito do exercer  o poder público tan impermeable ás criticas debería de matinar si o seu concepto de democracia non é un chisco laxo, e xaquelogo está en perigo de cruzar unha linha dramática no seu tango agarrado con reaccións totalitarias. 

Todo isto á hora de falar de modelo educativo, presenza do galego no ensino e normalización lingüística, e todos istes piropos para organizacións como A mesa pola normalización lingüística ou outros partidos políticos, e daquela democráticos ainda que lle pese ao bo do senhor conselleiro. Hai quen tivo o bon tino de tomar a broma istas afirmacións i é unha actitude moi intelixente, porque tomandoas en serio decataríamos da súa gravidade. De usar con tanta lixeireza ise tipo de afirmacións para descalificar ao adversario político. Concibido como inimigo nunha visión absolutamente maniquea da realidade.

É unha magoa isa aversión dos uns contra os outros, e a paisaxe política galega non é moito máis prometedora cando ollamos ás outras forzas políticas. Na actual situación en que tanto o PSOE como o Bloque están polarizados en loitas intestinas polo poder. As forzas nacionalistas totalmente desunidas i en guerra de descalificacións entre elas. Isa desunión, ise fachendo estéril, non leva a nengures e non beneficia a ninguén, nin ao sistema, nin tampouco aos intereses de Galiza ou aos da nosa cultura.

Polo menos tivemos ista semana a boa nova de que grazas a unha iniciativa popular en change.org a colección de Nova Galicia Banco está en vías de ser declarada Ben de Interese cultural, e quedar protexida para evitar que espalle polo mundo adiante. Confiemos que pase nalgún momento a mans públicas e, daquela, a ser patrimonio de todos os galegos.

Porque é curioso que un personaxe con ideas tan radicais estea a cargo das decisións que afectan á cultura galega. As decisións do PP á hora de escoller persoas para levar os asuntos culturais son elocuentes dabondo con respecto ao seu desprezo pola cultura. En Galiza témolo caso senlleiro de Jesús Pérez Varela e a súa esperpéntica Carminha Burana. No goberno central temos a aquila Esperanza Aguirre que non conhecía a Santiago Segura, para estupor dos propios xornalistas conservadores que a estaban a entrevistar. O propio presidente do goberno actual foi durante un tempo ministro de cultura nos seus anos de cambalache ministerial dentro dos dous gobernos de Aznar. Por non falar da inefable Pilar del Castillo. Alo menos daquela aínda había Ministerio de cultura. Porque agora a cultura foi relegada coa excusa da crise a Secretaría de Estado. Os feitos falan por si sos da estima que lle tenhen a cultura.

Lembro con saudade os tempos en que ise ministerio era defendido por xente da cultura, como Jorge Semprún ou Jordi Solé Turá. Mesmo Carmen Alborch (por suposto que Carmen Calvo non) pero o certo é que Cesar Antonio Molina e Ángeles González Sinde eran xente que vinha diste mundo, coas súas limitacións, pero xente da cultura. Non xestores que desenrolan o seu traballo como simples burócratas.

Por sorte a cultura e unha gran supervivinte e crece nos tempos da censura. É unha mágoa que tenha que falar de política na entrada número 8 do blog. O oito é o meu número favorito e para mín é especial levar xa 8 semanas, dous meses, a compartir as minhas ideas convosco. Por suposto que as linhas precedentes son a mina opinión, xaquelogo subxectiva e non aspiro a estar en posesión da verdade absoluta, porque considero que ninguén o está. A nosa visión do mundo está determinada polas nosas cicunstancias persoais, entorno socioeconómico, educativo, cultural, ambiental, etc. Todo iso fai inevitable que tenhamos ideas distintas, pero a diversidade de ideas é a que mantén viva a nosa sociedade e fainos evolucionar. Se todos pensásemos igual aínda estaríanos nas cavernas.

Asuman senhores políticos que coa bicoca do poder ven o flaxelo da crítica, crítica necesaria para que vostedes non esquezan que son servidores da sociedade, mesmo de quen non lles votou. Que non deixan de ser demócratas por ter outras ideas. E non esquezan que a Cultura (escrita con maiúsculas) é o noso legado para a posteridade, e debe ser defendida e fomentada, aínda que non interese a isa maioría que da o poder (con todas as súas vantaxes) cos seus votos. Porque o poder ou autoridade política non é un privilexio, senón unha responsabilidade.