sábado, 25 de octubre de 2014

Johnny "O Irlandés"




Cando comecei este blog dixen ser un escritor en galego, pero polo de agora non tinha amosado o meu trabalho. Velaí vai o meu primeiro conto que foi publicado. Apareceu no número 8 da revista Madrygal de estudos galegos, correspondente ao ano 2005. Publicación que sae anualmente do Departamento de linguas románicas da Universidade Complutense (da que son fachendoso licenciado). A revista publicou outro dos meus contos anos despois. Este material, aparte de ter sido publicado, está rexistrado no rexistro da propiedade intelectual. Velaí vai o conto. Espero que vos guste. 



          JOHNNY “O IRLANDÉS”


Era irónico que alguén como Johnny vivira nunha cidade como Ferrol, ateigada de militares, que non aturan a xente coma el. Un individuo lacazán, desaseado, ácrata e violento. Dominado por unha violencia erma e gratuíta. De todos os xeitos, a pesar de ser moi soberbio e despreciativo con aqueles que non eran como el, tamén era moi sociable e afectuoso, mesmo querido. O que entraba na súa tasca sabía o que había. Mal viño e peor comida, mais tamén putas.

Gustáballe contar a súa vida, sobre todo a rapaces, máis impresionables ca xente da súa idade. Sentía moi fachendoso da súa existencia excesiva e vulgar, cun forte cheiro a brutalidade. Cando alguén novo facíase parroquiano do seu local gustáballe invitalo a beber, e cando os seus folgos fedían a viño máis do habitual, comezaba a súa historia, mesturándoa con xordas gargalladas onde amosaba as súas enxivas espidas.

Johnny era, entre moitas outras cousas, irlandés. Alí comezaba a súa historia, de sancristán nunha pequena igrexa nun pobo. Iso facíalle moita gracia, suliñaba moito o de sancristán, como se aínda o fose. Como se todos os sancristás fosen como el.

-Eran tempos de fame, e neses tempos axuda moito estar preto dun cura.-Voltaba rir a gargalladas.

-Daquela morreran moitos e os cemiterios practicamente reducíanse a foxas comúns. Como sancristán tocábame a tarefa de tocar as campás nos enterros.

Pero os ricos non sofren tanto as fames, se cadra perden cartos, mais seguen a vivir sobradamente. Un vendedor de cabalos casaba á súa filla cun bo partido dun condado veciño e celebraba a voda na igrexa onde eu era sancristán. Fora un matrimonio moi importante, porque só o traxe da noiva, feito de encaixe do país, aliviara a fame de varias familias. O pai da noiva ademais ía repartir parte do convite cos famentos aldeáns da bisbarra. Era unha data alegre en medio de tanta miseria.

Mesmo eu estaba convidado ao gran banquete. Xa dixen que neses tempos estar preto dun cura é de moita utilidade.-O sorriso e as porcas enxivas voltaban aparecer.

-Pero un pequeno incidente veu estragar a festa porque, rematada a cerimonia, ao tocar as campás, levado polo costume, toquei a morto no canto de campás de voda. Os que estaban no adro e arredor da igrexa, pasada a sorpresa e comprendida a situación comezaron berrar. Os que estaban dentro non tardaron en saír e unirse aos berros de indignación, ameazas e insultos. Pensaron que dese xeito botaba unha maldición sobre a parella.-

Johnny bebeu un grolo reflexivo, algo pasmado o ollar e unha expresión divertida nos beizos.
-A noiva, lonxe de chorar, era a que máis berraba. É moi curioso ver como unha nube de encaixe xura como un animal sen educación.

Non tiña moi boa pinta aquilo, e mesmo cando toquei campás de voda, semellou empeorar. Así que, como tiña moi claras as miñas perspectivas, saltei dende o teito da igrexa a un cabalo dos que había por alí. Piquei esporas e desaparecín terra adiante, entre as fragas, cos seus berros enfriando a miña caluga.

Tiña claro que había que fuxir, non só do pobo, tamén do país. Así que fun cara ao mar e subín a un barco que ía ata Cornualla. Baixeime nun pequeno porto e de alí fun á cidade de Exeter.

Naquel pais non había tanta fame, aínda que si os mesmos vicios. Sempre tiven claro que tratar con putas é moi beneficioso para un home. A desprezativa sociedade prívaas do mínimo que concede a unha muller, o respecto que lle debe un home. Deste xeito quedan desamparadas fronte aos cabróns que as ameazan, chulean e violan.-

Johnny era quen de facer todo iso, non era o típico violento covarde. Era peor, un violento temerario.

-Aquel rendible negocio dábame para unha boa vida. Mais axiña, cando cheguei ao máximo que podería acadar, atopei ese teito baixo. Abondo, pero eu prefería que sobrara.

Daquela mudei para Brighton, onde as perspectivas eran moito máis atractivas. Collín as dúas rapazas máis prometedoras do vello negocio para comezar o novo.

Alí non foi complicado recrutar máis rapazas, e alugar un local. As miñas putas atraían unha clientela moi boa. Os vellos fidalgos devecían por aquelas campesiñas, desaseadas e brutas. Os burgueses preferían as refinadas rapazas de Hélène Brandt, que recibía nunha elegante mansión cun templete de aire chinés no xardín. Eu non disfrazaba nen ennobrecía o asunto.-

Gustáballe lembrar a aqueles linaxudos bébedos e burlados polas súas putas. Especialmente aquel día en que Alistair Cowes, que tiña os nomes de tódolos apóstolos e os apelidos de tódolos duques, revolcouse na lama porque Johnny non o deixou pasar.

-Pagas moi mal, Alistair, para o que pides. Gasta menos en cervexa, ou dille a túa nai que che dea máis.-díxenlle.-As rapazas riron como pegas ollando polas fiestras do prostíbulo ao fillo de lady Vinegar, coa súa roupa de dandi, emporcada coa lama do camiño. Alistair choraba, quizabes agardando a que milady Cowes o fora recoller e o agarimase.

Estiven enredando con el un pedazo, era demasiado doado e divertido, aínda que logo cansamos do patético vicioso, e entramos facer cousas máis productivas.

O rapaz seguiu choromicando e retorcéndose no chan entre a lama i excrementos de bestas. Estivo alí ata que un parceiro de Lady Vinegar recoñeceu a aquel proxecto de home e levouno onda súa nai. Pasámolo moi ben, pero pagámolo caro tamén.

A tal Lady Vinegar estaba moi ben relacionada.-Johnny voltou rir.

-A Lady Cowes non lle gustaba nada que lle chamasen Lady Vinegar. Pero todos facíano no lugar, as súas costas por suposto, pero ela sabíao.

Chamábanlle así pola súa linaxe antiquísima, aínda que tamén pola súa pel insanamente branca. Diríase que bebía vinagre. Tamén o seu carácter facía honor ao alcume.

Aquela vella fría conseguiu que me pecharan o local. Eu fun ao cárcere e as rapazas a un centro de caridade, deses que poñen as mulleres para que os seus homes non teñan putas coas que foder.

No cárcere non estiven moito de tódolos xeitos.-dixo Johnny despois dunha pausa mesta digno do borracho que era-. Así que cando me soltaron collín un barco en Plymouth e cheguei ata eiquí.

-Sempre fuxindo, Johnny.-


-Sempre, mais non me arrepinto, porque eu fuxo cara adiante. Avanzo, melloro. Xa ves, rapaz, comecei entre curas e rematei entre putas. ¿Non foi ese un bo avance?.-



http://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/MADR0505110161A







sábado, 6 de septiembre de 2014

A bravura de Flora MacDonald




Hai un ano, neste Blog, falaba das similitudes entre Galiza e Gales. A pouco máis dunha semana do referendum que pode cambiar a historia de Escocia, imos explorar aqueles aspectos que abeiran a Galiza e a antiga Caledonia.

Obviamente a meirande similitude é a gaita. Recentemente, Carlos Núñez comparaba nunha entrevista as gaitas escocesa, irlandesa e galega. Segundo el, a escocesa é unha gaita de guerra, a galega unha gaita de festa. Imos ver por que a gaita escocesa é tan guerreira.

Os belicosos caledonios lograron resistir a potente Roma. Aínda que a parte meridional do país recibiu unha certa influencia romana, no século II da nosa era o imperio construiu un muro para mantelos lonxe das súas posesións en terras británicas. Á caída do poder román o reino dos pictos consolida na meirande parte do territorio actual de Escocia. Cunha forte influencia gaélica na cultura, que levou a falar dunha hipotética invasión irlandesa. A medida que as sucesivas invasións da illa traen primeiro saxóns, logo vikingos e finalmente normandos, o reino de Escocia vaise definindo en oposición ao cada vez máis poderoso vecinho do sur, Inglaterra. A súa eterna némesis.

A primeira ameaza seria para a independencia escocesa xorde co mesmo rei inglés que anexionou Gales, cunha mestura de invasión militar e andrómenas políticas. Estou a falar de Eduardo I (vello conhecido desde Blog), que aproveitou a extinción da linha principal na casa real escocesa para mediar na designación daquel nobre escocés que tivera  mellor dereito á coroa. Daquel tempo proven a lenda do heroe escocés William Wallace (conhecido no noso tempo pola película de Mel Gibson) que loitou para liberar a Escocia da influencia inglesa, e manter a súa independencia. Despóis dunha época de loitas internas, Robert the Bruce consigue consolidar a coroa na súa persoa,  i evitar que Escocia se convirta nun satélite de Inglaterra.

Aínda así a súa dinastía non logra pasar do seu fillo, e cando este morre o seu neto Robert II instaura a casa de Stuart (Estuardo) no trono escocés. Robert II era fillo de Marjorie, froito do segundo matrimonio de Robert the Bruce. Os Estuardo acadan estabilizar a coroa na súa dinastía, e van ollar cara a Francia como aliado natural fronte a Inglaterra. Mesmo durante a guerra dos 100 anos, soldados escoceses loitan a prol de Francia contra os exércitos ingleses no continente.

Tras séculos de tensións territoriais, nun intento de acadar a paz con Inglaterra, James IV de Escocia casa coa filla máis vella de Henrique VII de Inglaterra (e irmá de Henrique VIII) Margaret Tudor. Este matrimonio vai ter grandes consecuencias dinásticas ao cabo de dúas xeracións. Esta unión familiar non asegurou a paz, porque nunha guerra entre Inglaterra e Francia, o rei escocés apoia a Francia e perde a vida na batalla de Flodden. A súa morte deixaba un neno de 17 meses como rei. Embora James V chegou a adulto, e coa súa segunda muller, María de Guisa, foron pais da famosa María Estuardo. Refuxiada en Inglaterra, desprezando á súa poderosa curmá Sabela I, e parte dunha conspiración contra ela, a turbulenta vida de María Estuardo remata coa súa execución, e a lenda que a seguiu.

O fillo que María tivo co seu segundo marido e curmán, Lord Darnley, convertiría en James I de Inglaterra cando morreu a rainha Elizabeth sen descendencia. Finalmente Escocia e Inglaterra unidas, pacíficamente, baixo un rei da casa real de Escocia. A entrada triunfal de James na fortaleza de Berwick (na fronteira con Escocia e bastión inglés contra ataques escoceses) parecía marcar o inicio dunha etapa de paz e prosperidade. Pero a  unión demostrou non ser tan feliz. Como sucedera coa dinastía de orixe galés Tudor, non significou preeminencia nen consideración especial por Escocia.

James prometerá volver a Escocia cada 3 anos, pero fixo de Londres e Inglaterra o centro das súas tres coroas, pois convertirá tamén en rei de Irlanda. A bandeira da unión, a célebre Union Jack, ven do seu tempo. O seu fillo Carlos I será o derradeiro rei de ambalas dúas coroas que sexa coroado en Escocia. E o conflito relixioso que deriva na Guerra civil Inglesa, comeza en Escocia onde os bispos (de ideoloxía calvinista) non aceptan a imposición de usos da Igrexa de Inglaterra.

Trala restauración de Carlos II, despóis do Interregnum,  o seu irmán o Duque de York  (impopular en Inglaterra por ser abertamente católico)exerce de gobernador, e consegue ser xurado sucesor do seu irmán como rei de Escocia polo parlamento local. Como Inglaterra non parecía moi entusiasmada coa idea de telo como monarca, cabía a posibilidade de que Escocia e Inglaterra separaran, pero James é proclamado rei á morte do seu irmán. O certo é que só para perder a coroa 4 anos despóis da man do seu sobrinho e xenro Guillerme de Orange. A segunda filla de James, Ana haberá xogar un papel importante na historia do reino porque baixo o seu goberno a acta de unión de 1707 elimina o parlamento escocés (que existía dende o século XIII) i Escocia pasa a ser lexislada dende Westminster, e gobernada dende Londres. Os escoceses viron nesta radical perda de poder a única solución ao desastre de Darien. Un infructuoso e ruinoso proxecto de establecer unha colonia comercial escocesa en Panamá. Concesións políticas a cambio de rescate económico. Soa familiar?

Non deixamos de falar de James, porque aínda que fora dun xeito pasivo seguiu a xogar un papel importante no tango de amor e xenreira entre Escocia e Inglaterra. O fillo que tivo no seu segundo matrimonio (cunha italiana católica coma el) foi a causa de que fora derrocado. Ninguén quería un herdeiro católico, e James exiliou en Francia. O seu fillo James “o vello pretendente”  chegou cunha flota francesa para tentar recuperar, o que consideraba o seu trono, pola forza militar. Pero este intento foi interceptado pola flota británica. Desa primeira revolta Xacobita viría a sona de Rob Roy. Anos despóis recollería a luva o seu fillo Charles “O pretendente novo”, aprobeitando as poucas simpatías que a nova dinastía alemana que sucedeu á raínha Ana espertaba.

Charles sí que acadou desembarcar, e de feito entrou triunfalmente en Edimburgo dende onde lanzou unha proclama contra a dinastía estranxeira. A súa gallarda figura acadoulle o alcume de “Bonnie Prince Charlie” entre as mulleres escocesas. Pero o segundo rei da dinastía Hannover, Xurxo II enviou ao seu segundo fillo, O duque de Cumberland (Cumberland “O carniceiro” en Escocia) que eliminou o perigo arrasando as tropas xacobitas na batalla de Culloden. O pretendente tivo que fuxir, e logrou embarcar na illa de Skye coa axuda dunha muller pertencente a unha familia xacobita das Hébridas. Flora MacDonald axudou ao príncipe a escapar a Skye, e dende alí volver ao continente.

Bonnie Prince Charlie tivo que disfrazar da criada irlandesa de Flora para atinxir a fuxida. Pero os barqueiros denunciaron á MacDonald, que rematou na Torre de Londres polo que se consideraba un acto de traizón. Entrevistada polo propio Duque de Cumberland, Flora asegurou ter axudado ao pretendente só pola caridade que lle inspirou a súa desesperada situación, e que tivera axudado ao mesmo Cumberland de telo visto nunha situación semellante.

A resposta dos monarcas ingleses perante a clara desafección dos clanes escoceses foi a prohibición dun dos sinais máis distintivos dos mesmos, o uso do tartán. Durante caseque un século os tecidos a cadros que distinguían cada linaxe non puideron ser usados en público. Ata que o bisneto de Xurxo II, o anteriormente conhecido como o Príncipe rexente,  Xurxo IV, fixo unha visita diplomática ao reino levando el mesmo un kilt co tartán familiar.

A súa sobrinha, a rainha Victoria iría alén no seu amor polo seu reino do Norte, mercando unha propiedade preto de Aberdeen, e veraneando en Balmoral dende aquela. Por suxerencia de Sir Walter Scott, a mesma rainha permitiu que se rescataran do esquecemento as xoias da coroa de Escocia, gardadas nun cofre dende había máis de 100 anos, cando a unión definitiva dos reinos. Os honours of Scotland (coroa, cetro i espada) son máis vellos cas xoias da coroa de Inglaterra porque sobreviviron á guerra civil. Dende os tempos da raínha-emperatriz os membros da familia real británica lucen kilts con fachendo, especialmente cando visitan Escocia.

A simpatía que a autenticidade escocesa levantaba dentro do imperio semellou mellorar a imaxe do reino e as tensións con Inglaterra. Pero do lado escocés as cicatrices eran demasiado profundas para esquecer doadamente o pasado.

Tiven a boa fortuna de pasar un mes en Edimburgo cando tinha 17 anos. E a xenreira por todo o inglés era constante e unánime. Valorando os feitos históricos que venho de expor, podemos ver que Escocia e Galiza gardan semellanzas en canto a territorios periféricos pertencentes a estados plurinacionais e multiculturais, que decidiron artellar o seu futuro promovendo unha cultura, lingua e identidade “comúns”. Semellantes na teima en que protexeron lingua e cultura como un xeito de distinguirse das impostas polo poder central. Que viron como o seu apoio ao bando perdedor en loitas dinásticas foi usado como excusa para proceder a atacar, e mesmo tentar erradicar a súa cultura e identidade propias. Terras de emigrantes: en Escocia cun componhente político porque moitos escoceses foron deportados a America despóis das revoltas xacobitas, e outros emigraron por necesidades económicas. Terras fachendosas da súa idiosincrasia, a pesares de que esa singularidade chegou ser perseguida e mesmo ilegalizada.

Os reis de Escocia eran coroados na abadía de Scone sobre a pedra do destinho (ou pedra de Scone). A tradición di que Fergus Mór trouxera a pedra de Irlanda, e que mesmo era a pedra onde os reis irlandeses foran coroados en Tara. Outra tradición di que a pedra fora a usada como almofada por Xacob cando sonhou con anxos subindo e baixando do ceo por unha escaleira. Certa tradición dí tamén que esa pedra fora collida de Galiza polos irlandeses. A pedra forma parte do trono da coroación de Inglaterra (na Abadía de Westminster) pero en 1996 foi levada ao Castelo de Edimburgo no día de San Andrés (patrón do reino) para ser devolta a Escocia dun xeito simbólico.

Veremos que pasa o día 18, porque o feito de que os escoceses estean fachendosos da súa diferenciada identidade non quere dicir que todos tenhan claro que realmente queran deixar de formar parte do Reino Unido. Porque ao fin e ao cabo foi instaurado por un dos seus reis, que chegou a unir os tres reinos por unha carambola do destinho.






sábado, 15 de marzo de 2014

Libro ou película?



Pode que nun blogue literario a resposta pareza obvia, pero non o é. Evidentemente vai depender de que libro e de que película. De todos os xeitos a comparación é inxusta porque estamos a falar de dúas linguaxes distintas, con recursos diversos e diferentes xeitos de conectar coa nosa imaxinación.

Persoalmente a min a literatura paréceme máis democrática. Máis participativa, deixando que sexa o lector quen complete a imaxe ou continúe a historia. Por suposto, isto tamén vai depender do autor, porque (sobre  todo no século XIX) certos autores poden resultar abafantes describindo absolutamentente cada aspecto da súa obra, esixindo un control absoluto. Pero mesmo nese caso sempre queda o filtro desas descripcións a través do noso xeito persoal e subxectivo de ver o mundo. As películas son máis a visión dun director, e  (na minha opinión) de xeito tenhen que ser así para acadar a categoría de arte.

As adaptacións ao cine son complicadas, aínda que hai moitos e salientables casos de éxito . Podo pensar na perfecta adaptación que Visconti fixo do Gatopardo de Giuseppe Tomasi Di Lampedusa. Ou a boísima versión de Jane Campion do Retrato dunha dona de Henry James (sendo James un autor tan difícil, cun estilo tan persoal). Afortunadamente tamén hai máis casos nos que a conxunción de boa dirección, boas actuacións e unha recreación acertada da atmósfera da obra falan de unións felices entre cinema e literatura. Quen había dicir que o curtido cowboy de Burt Lancaster ía ser a perfecta encarnación do Príncipe de Salina. Atrapado entre o seu vello mundo e un novo orde liberal e unificador, tendo que tomar unha rápida e cínica decisión entre manter a súa lealdade a unha causa perdida ou tornala deica o novo orde, e manter os seus privilexios. Mudalo todo, para que nada mude.

Podo mesmo pensar nun caso aínda máis salientable. O da película que é considerablemente mellor ca obra literaria que recrea. Un caso claro na minha opinión é o de Sleepy Hollow de Tim Burton. Os contos da Alhambra de Washington Irving son unha das grandes obras da literatura universal, e o conto orixinal de Sleepy Hollow unha obra costumbrista desa América sinxela e provinciana, alén das grandes cidades que fervían coas novas fortunas que importaban exquisiteces europeas. Pero ese conto non ten o marabilloso sabor gótico que ten a película. Os aspectos que muda Tim Burton son cruciais para o éxito da historia que conta no seu filme. Por suposto as magníficas actuacións non só de Johnny Depp e Christina Ricci, senón dos fantásticos secundarios (entre eles Michael Gambon, Miranda Richardson ou Christopher Walken) inflúen no éxito final. De súpeto a historia de pailáns supersticiosos de Irving muda nun thriller gótico, con doses de terror e suspense perfectamente calculadas.

Haberá quen  leve as mans á cabeza e considere un sacrilexio o que Tim Burton fixo coa historia orixinal de Irving. Pero precisamente iso é o que unha película debe de ser, a visión do seu director, que ten os mesmos dereitos de liberdade co guión que ten o escritor coa folla en branco. Un director fai a súa película, da a súa visión. Quen quera vela do escritor, que lea o texto orixinal. Eu son partidario de facer unha película baseada nun libro, non de facer a película. Dese xeito obras mestras como Cumbres borrascosas tenhen varias versións, e un pode escoller  entre varias encarnacións de Anna karenina dende Greta Garbo a Keira Knightley pasando por Vivien Leigh e Sophie Marceau, entre outras.

O que quero dicir é que atopo perigoso cando o escritor participa na película, e mesmo espera que sexa a súa visión a que apareza na mesma. De feito hai moitos casos de escritores que públicamente denigran o resultado dunha adaptación cinematrográfica das súas obras. O que eu penso é que si queres facer unha adaptación cinematográfica da túa obra dende o teu punto de vista, diríxea ti. Ollo que dirixir unha película non é tan doado como pode parecer. Non é só por detrás dunha cámara e dicir acción. Que llo digan a Antón Reixa coa súa morna adaptación do Lapis do carpinteiro.

Eu son partidario de ceder os dereitos e ver o que sae, e respectar o resultado (bó ou malo) desa lectura cinematográfica dunha obra literaria. Hai que ter en conta que tamén hai lost in translation, porque non deixa de ser unha traducción dunha linguaxe a outra, cada unha cos seus recursos e limitacións.

Logo están os exemplos das novelas perfectamente guionizables porque foron escritas coa adaptación cinematográfica en mente. Dese xeito o escritor pode participar no proxecto audiovisual sen que o espirito da súa obra estea en perigo. Isa é a razón de que despóis do Código da Vinci  (que disfrutei moitísimo como lector) non lea obras de Dan Brown. Vou directamente ver a película.


Porque, insisto, literatura e cinema son linguaxes totalmente distintas. Nin mellor unha nin peor a outra, sinxelamente distintas. Non podo pensar nunha adaptación ao cine que reflexe fidedignamente a atmósfera das novelas de Proust na Procura do tempo perdido, do mesmo xeito co impacto visual dos universos de directores como Almodovar ou Quentin Tarantino sería incompleto en letra impresa, sen a imprescindible música soando de fondo (entre outras moitas cousas). 

sábado, 15 de febrero de 2014

Vento e chuvia




Volvo despois dunha ausencia de caseque un mes, porque ás veces a realidade non nos deixa tempo para a imaxinación, ou forzas para deixarnos levar por ela. De todos os xeitos, na primeira entrada do Blog comentei que ía falar da minha experiencia como escritor en lingua galega, en primeira persoa, e as veces dame medo adicarlle todo o meu tempo creativo a este blog. Porque como dixo Picasso, as musas tenhen que atoparte a traballar.

O título do blog non se refire a este tempo alporizado que temos tanto no meu pais de adopción (inundado por moitas partes) como na nosa Galiza, onde moita xente está farta  de tanto vento e chuvia. O título fala do (afortunadamente exitoso)  libro do mesmo nome escrito por Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo. Tenho que dicir que de rapaz devecía por un libro como ise, aínda que máis vale tarde ca nunca.

É moi positivo que os rapaces tenhan un xeito atractivo de aprender historia da man dun experto. Que alguén que participa en moitos proxectos de recuperación e catalogación do patrimonio tenha tamén a creatividade de contar isa historia, soterrada, agardando o seu momento.  Como os devanceiros dos que falaba Risco no seu conto A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Dar voz a todas esas forzas da natureza que adoraban os nosos antecesores. Non só as grandes forzas da natureza, senón eses xenios locais, esas deidades menores que bendecían unha terra concreta, como un regato ou unha fraga. Ise espirito calado mais contundente que semella xogar connosco, ás veces ao noso favor, outras en contra nosa. Esa relixión animista, de natureza viva e con vontade que os galegos se cadra nunca deixamos de practicar. Ise animismo deplorado nos seus sermóns por San Martín Dumiense no século VI da nosa era, porque os  galegos daquel tempo aínda  adoraban fontes,  pedras e árbores. Mantiñan o espírito pagano irredento por baixo da coda cristiana.

Hai poucas semanas volvín a Galiza despois de caseque sete meses de distancia, os primeiros e complicados meses asentando en Inglaterra, botando raíces, atopando o meu lugar. Entre as cousas que fixen, aparte de pasar tempo coa familia e amigos e descansar, comprei o libro e quedei abraiado coa calidade das ilustracións, pero tamén co xeito en que Manuel Gago fai que semelle doado escribir sobre mitoloxía galaica prerromana. Como as historias deses deuses doutrora semella tan connatural á nosa terra. Mesturando as criaturas mitolóxicas cos pobos que históricamente poboaron este recuncho noso.

 E quen non sinte no fondo a sua presenza na grandeza das fragas do Eume, gardando o Dolmen de Dombate o na teima dos monxes que sementaron a máxica Ribeira Sacra de mosteiros e igrexas?
Ademáis, a parte creativa parte sempre de evidencias científicas como aras, esculturas ou inscripcións atopadas tanto  en Galiza como no norte de Portugal. Gago da voz a eses guerreiros de pedra que ollan para nós con ollada feroz (ou mesmo sen cabeza). Deuses e deusas con nomes rotundos e sonoros como Reue, Bandue, Cossue, Nauia, Lugoue, Poemana ou Bormánico, entre outros.

Pareceume moi interesante unha anécdota sobre o proceso creativo que o propio Manel Gago colgou en redes sociais onde ten perfil. Contou que descubriu a imaxe dun deses deuses nunha igrexa do norte de Portugal onde acaba de aparecer unha representación de pedra agochada durante séculos nunha igrexa. Como o sorprendeu a forza desa imaxe.


Gustoume o que comentou Gago de que a orixe destes contos están nos que el lle contaba ao seu irmán sendo cativos. Como en certo xeito escribiu as historias que lle interesaban como lector. Por sorte parecen interesar a moita máis xente. Alegro moito de que este proxecto tenha sido un éxito dende o comezo. Dende a súa multitudinaria presentación na Igrexa da Universidade en Compostela (con actores caracterizados das deidades protagonistas) ata as máis modestas presentacións en vilas galegas. É unha boa nova que un proxecto editorial en galego esgote a primeira edición tan rápido como o fixo este libro. É positivo que ademáis sexa material dirixido a rapaces, que deste xeito collen hábito lector neste mundo audiovisual de noso. E o máis importante, que dea a conhecer tanto a rapaces como a adultos unha parte esencial da nosa historia. A cultura castreña está no celme da nosa cultura. Despóis pasaron outros pobos que foron deixando a súa pegada, pero o substrato, o alicerce da nosa cultura (mesmo influíndo na nosa lingua romance) é a cultura desde homes e mulleres que os románs presentaban como terribles e teimudos guerreiros de hábitos toscos.

sábado, 21 de diciembre de 2013

Fardel de exiliado




Esta semana saltou a polémica polo anuncio de Campofrío, que na mesma linha de anteriores anos polo Nadal ten humoristas que pretenden dar unha mensaxe de esperanza. O lema é faite estranxeiro, e unha fantástica Chus Lampreave sopesa que nacionalidade coller porque ser espanhol é unha vergonha. Coller unha desas nacionalidades vaite facer mais rico, organizado, etc. A conclusión final é que non paga a pena porque os espanhois seica somos máis espontáneos, e temos os mellores bares de Europa.

As reaccións son moitas e moi extremas. Dende xente que atopa a ocurrencia tenra e doce, nesta época de familias unidas e felices, ata outros que consideran que é o enésimo intento de correr un velo de pailanismo sobre os males do pais, recorrendo a unhos cantos lugares comúns.

Neste ano que remata venho de unir á multitude de xente que deixou o pais. No meu caso non por desesperación, senón por circunstancias persoais e non económicas. Trasladeime dentro da empresa na que traballaba perto de Madrid, pero xa estaba nos meus plans mudarme a terras británicas. Eu xa vivira en Londres hai once anos, e unha morriña perpetua lembrábame a cidade constantemente.

Foron, principalmente circunstancias persoais, a necesidade de pasar páxina tras rematar unha etapa nunca cidade na que de súpeto non tinha sentido quedarme. A opción natural foi voltar á minha patria escollida. O pais ao que adaptara tan ben no 2002. Levo xa 6 meses, e entendo o sentimento inicial do que fala o anuncio, pero non o final. Non sei se a distancia da obxectividade, si a xente no pais prefire obviar a realidade, pero eu alporizo con cada nova que chega ata min a propósito da corrupción e as declaración sempre sobradas dalgúns membros do goberno, e o partido que hai detrás del. Como os mesmos que recurtan en sanidade, educación e cultura, os mesmos que presentan como luxos conquistas sociais que levou séculos acadar, como esa xente que ten os presupostos reducidos a zoa de guerra, sube os seus propios soldos e os dos seus asesores e colaboradores chegando a duplicar e mesmo triplicar a cifra orixinal.

En momentos como ise non sinto expatriado, sinto directamente exiliado. E non só non arrepinto de ter bulido, senón que directamente penso en como puiden tardar tanto en facer as maletas. Non digo que o país no que vivo agora sexa perfeto, ou non tenha as suas cousas por mellorar. Pero dende fora podo ver claramente a idea da decadencia na que caeu Espanha. Como todas as instancias do estado, a banca e empresa son só pantallas para cubrir o lixo que hai detrás. Como a xente que medrou provocando a crise sigue a sair impune e a enriquecerse, namentres tanta xente vive na beira da necesidade ou ten que sair.

Porque moitos sairon, non por espirito de aventura, senón porque non lles quedou outra. Eu son un privilexiado e non me queixo, pero estou de acordo co que dixo Fernán Gómez de que en Espanha non só fallan os que mandan, senón tamén os que obedecen. Porque chegarán as vindeiras eleccións e o prepotente partido que goberna con maioría absoluta vai revalidar esa maioría absoluta, para vender como luxos e agasallos do sistema servizos que pagamos cos nosos impostos. Para non facer a necesaria reforma no sistema político, para que sexa administrado de xeito eficiente i equitativo o dinheiro público, creando riqueza e benestar social en troques de desigualdades e privilexios. Porque se non hai cartos para a escola pública, non pode haber axudas para a privada.

Un dos maiores productores de perlas deste goberno agresivo cos cidadáns que ten ao seu cargo, o ministro de educación de infausto nome, o señor Wert, dixo que os estudantes non poden estudar o que lles apetece. Senhor Wert, hai décadas que algúns xa o fixemos. Eu estudei dereito en troques de Historia da Arte, porque das carreiras de letras era a que supostamente tinha máis saída. Tenho traballado de todo, menos de avogado, porque honestamente ter estudiado os meus dereitos de xeito tan teimudo para que logo alguén limpie con eles as súas partes, non pagándome durante dous anos de pasantía, e logo dándome un soldo de caxeira de supermercado por un traballo escravísimo ao que lle hai que adicar moitas horas, mais das 8 horas de oficina doutros traballos, non estaba nos meus plans.

Algo cheira a podre, e non hai que ir a Dinamarca, e tampouco falo das rúas de Madrid, cargadas de lixo hai tan pouco tempo. Os mesmos que ían chegar rexenerar o maltreito estado por mor da famosa herdanza recibida, levan gobernando de xeonllos cara a os fortes e con dureza con quen máis precisa da súa axuda.  Así que non é doado sentir fachendo por un país no que a clase media está depauperada, pero hai máis ricos ca antes da crise. E un pobo que admira esas conductas delictivas e chulescas de pelotazo e sobres que rematan en contas suizas. De inxenuidade vestida de Louis Vuitton, e contabilidade despistada.


Un pais onde dende esta semana parece que tes máis dereitos antes ca despóis de nacer. No seo materno es valiosísimo, e fora del de súpeto xa non tes dereito a unha educación completa se non podes pagala, a ser protexido si tes a mala sorte de estar nunha beira desafortunada da sociedade, a unha boa sanidade onde nos escatimen en medios para salvala túa vida por unha cuestión de orzamentos, a expresar a túa opinión e contestar as políticas do goberno dende a rúa nun exercicio de sá rexeneración democrática. Ise pais hoxendía é Espanha, i eu non sinto o menor fachendo por el, nen a menor tentación de voltar.

sábado, 30 de noviembre de 2013

Chanzos mollados



Ainda é de noite, o lume do facho move na dirección do vento e de cando en vez saltan faiscas. Pecha os ollos con noxo e fastío. Non está afeito a ter que bulir as agachadas, el que sempre entraba ou saía das cidades con gran pompa. Pero tinha que facelo así, con discreción, amparado pola escuridade da noite porque un rei non fuxe á luz do día. A desacougada superficie do mar non é a planicie de Castela, pero non lle queda outra saída. O barco agárdao non lonxe da beira, coas  reais galas discretamente agachadas. O bote abala e roza os cons. El está parado nos chanzos polos que baixou da muralla da cidade , ata que o axuden a subir sen sufrir a indignidade de caer. Reservanlle un asento confortable no bote e cando acomoda  alguén da a orde de remar. A barca abala, e pensa que ese mar desacougado semella unha metáfora da política do seu reino, dividido e alporizado.

As súas fillas xa están no barco, de feito só agardan por el para levar áncoras e partir rumbo a Baiona, a negociar coa corte de Inglaterraa  axuda na súa lexítima loita por manter o trono herdado do seu pai. Sube pola escada ao barco onde o capitán recíbeo coa debida cerimonia, mesmo na fuxida, mesmo na escuridade vergonzante da súa fuxida, segue a ser El-Rei.

Olla á terra que vai quedando lonxe, non sabe si abraiado de que a cidade non afunda no mar, que a terra se laie de quedar sen senhor. ¿Será un bó agoiro a prácida alborada que o despide da costa galega? ¿Será que o pais no fondo recibe con ledicia o quedar en mans dun novo senhor? ¿Tería do seu lado á providencia ou sería un proscrito tamén no alén despois de ter mandado a morte do arcebispo de Santiago denantes de fuxir?

Eses chanzos mollados foron testemunha de cómo Don Pedro I, rei de Castela e León viaxaba á corte de Inglaterra para pedir axuda económica e apoio militar a Eduardo, príncipe de Gales, máis conhecido como o Príncipe Negro. O fillo mais vello de Eduardo III de Inglaterra tinha sona de afouto guerreiro. A axuda inglesa veu tras dun tratado no que o deseperado rei comprometía a ceder terras a Navarra e Inglaterra a cambio de axuda.  Despóis diso, veu  a inicial victoria de Náxera, e a derrota e a morte en Montiel.

As fillas que foran co seu pai á corte inglesa quedaron nela, e casaron con dous dos fillos de Eduardo III. Constanza casa con Xoan de Gante, Duque de Lencastre e Isabel casa con Edmundo de Langley, duque de  Iorque. Beatriz,  a filla máis vella (i herdeira) de Don Pedro morre o mesmo ano co seu pai, e non é ningún segredo que o ambicioso Xoan de Gante casa coa seguinte da lista para reclamar o trono do defunto sogro. Carto fillo varón de Eduardo III e Filipa de Hainaut non ten moitas posibilidades de acadar o trono, pois entre el e o herdeiro hai ainda outro irmán, Guillerme de Hatfield, polo que os seus pais cásano co mellor partido de Inglaterra, a súa curmá Branca de Lencastre, filla do duque máis rico do reino.

Xoan é alcumado de Gante por ter nacido nesa cidade flamenca. É un dos homes máis ricos de Inglaterra e disfruta dun cómodo estilo de vida, vivindo en varios castelos da súa propiedade. Pero a diferencia do seu pai e irmán non ganhou nunca unha soa batalla. Pero non por iso deixa de ser ambicioso. Anos despóis de casar coa Infanta Constanza ambolos dous embarcan cara a península ibérica para reclamar o que consideran o seu lexítimo trono. Desembarcan na Coruña, e suben os mesmos chanzos mollados que baixara Don Pedro anos antes. Pero agora son aires de conquista os que sopran sobre a cidade, e non sombras de humillación.

O duque e Dona Constanza conquistan A Corunha, Santiago, Pontevedra e Ourense onde deciden instalar a súa corte agardando a que remate o inverno, e a unir as súas forzas ás tropas que envía o rei de Portugal para axudalos na súa ofensiva para recuperar o trono perdido. Non queda moi claro ata que punto as cidades galegas renderon ao poder militar dos Lencastre, ou se pola contra os moitos partidarios de Don Pedro que aínda quedaban na nosa terra acolleron as pretensións do home da herdeira do antigo rei. Embora houbo conquista e violencia en Ribadavia, onde a importante poboación xudía sufreu  o saqueo por parte das tropas inglesas, non se sabe se por cobiza ou antisemitismo. Esa polémica pola facilidade con que moitas prazas galegas foron rendidas ao duque supuxo a expulsión das súas terras de moitas familias nobres locais, como a familia que rendeu o Castelo de Monterrei ao Lencastre, dun xeito doado de máis para o goberno trastamarista. Esa familia, refuxiou en Portugal, e o seu apelido era Camoens. Un dos seus descendentes sería o famoso poeta Luis de Camoens. Outras familias foron privadas dos seus senhoríos por amosar lealdade á vella dinastía, e foi o comezo da decadencia da literatura en galego, en especial da lírica.

A pesares das derrotas militares que sufriron o duque e a súa dona, polo decidido apoio do rei de Portugal (que casou cunha filla do primeiro matrimonio do de Gante) e as simpatías ca súa causa aínda espertaban, mantiveron teimudos as súas reivindicacións. Finalmente as partes chegaron a un acordo e a man da única filla dos duques foi concedida ao herdeiro da coroa de Castela. Catarina de Lencastre casou co que sería Henrique III, e solventou a disputa dinástica. E curioso ver como na lápida da súa tumba na capela dos reis novos da catedral de Toledo a rainha Catarina reivindica  ser neta do xusticieiro rei Don Pedro e de Eduardo de Inglaterra.

Se unha irmá resolveu o pleito dinástico casando a súa filla co herdeiro da dinastía rival, a outra irmá, Isabel fixo xusto o contrario pero en Inglaterra. Posto que, a pesares de que o seu matrimonio co Duque de Iorque non foi unha unión feliz, foi a fundadora da rama Iorque da casa real inglesa (a rosa branca) e o seu bisneto reinaría como Eduardo IV. Ainda que precisamente a rama rival sexan os Lencastre (a rosa vermella) descendentes do primeriro matrimonio do duque.

Esta historia medieval lémbranos o peso e influencia que a nobreza galega tinha na política castelá, así como o valor estratéxico da nosa terra en disputas políticas desa era. Tamén a curiosa relación que no Medievo tiveron Galiza e Inglaterra tanto no comercial como no político. Dende Guillerme o conquistador ata o devandito duque de Lencastre. Eses mesmos chanzos mollados viron partir cara a Inglaterra a Catarina de Aragón para casar co príncipe de Gales e a Felipe II para casar coa súa filla, María Tudor. Tamén veron partir a Carlos V rumbo a Alemanha para ser coroado emperador.

Eses chanzos mollados atopanse no que hoxe é a Porta de San Miguel nun dos poucos fragmentos supervivintes da muralla medieval da Corunha, construida en tempos de Henrique III, que casara coa filla do duque que os subiu con ánimo conquistador e neta do rei que os baixou a procura de axuda na súa desesperación.



sábado, 9 de noviembre de 2013

Domadora de versos



Hai 10 anos a nova da prematura morte da poeta  Xela Arias sorprendía ao mundo da cultura galega. Falecía nova de máis, 41 anos, dun xeito inesperado e ademáis nunha data próxima a do pasamento doutra poeta nova, Luisa Villalta. As reaccións foron moitas e moi positivas, loubando a calidade da súa obra. Entre quen manifestou admiración polos seus versos  estaban (entre outras) as escritoras María Xosé Queizán e Chus Pato. Esta derradeira considerada companheira de Xela na xeración dos 80.

A poética de Xela salientou pola súa orixinalidade. Despóis da Longa noite de pedra de Celso Emilio e a Pólvora e magnolias de Méndez Ferrín, a poesía galega apartaba un pouco a denuncia para xogar coa súa creatividade. E unha das que abriu caminhos nise sentido foi a nosa poeta. Aínda que gran conhecedora da cultura galega por vínculos familiares (o seu pai foi un importante directivo da Editorial Galaxia ) tamén recibe unha forte influencia da literatura estranxeira. Boa traductora de obras á nosa língua (Castelo Branco, Joyce ou Fehnimore Cooper entre os escritores que traduciu) a literatura contemporánea é unha clara influencia no que escribe. Pero si algo caracteriza os seus versos é a súa liberdade creativa, e a súa honestidade.

Un bó poeta chega ata a sentir un certo pudor de compartir a súa obra máis persoal ou intimista. Moitos escritores no pasado levados por ise pudor pediron que se destruira parte da súa obra inédita (Rosalía é un exemplo disto). Pero na súa modernidade Xela chegou mesmo a espir físicamente nas fotografías que ilustraron o seu libro Tigres coma cabalos , obra do fotógrafo Xulio Gil (que era a súa parella).

Eu conhecina precisamente porque alguén moi próximo tivo que facer un traballo sobre ela nunha materia de doutorado na Complutense, e boiteille unha man para traducir do galego. Disfruto da poesía pero non tenho disciplina dabondo para ler poemarios enteiros. Só acadeino con Rosalía, Lorca e Baudelaire…e con Xela Arias. Os seus poemas adoitan ser curtos, tremendamente intensos e moi orixinais. Quedei abraiado vendo expresións como tododiós nun poema. Pero os seus versos sacaban a beleza do inaudito.

Sorprendeume o persoal, ata certo punto a linguaxe un pouco críptica da poeta. Pero ela mesma entrega un mapa para percorrer os mundos dos seus versos sen pérdida. Nos seus temas, nas súas expresións, na sintaxe da súa obra. En especial dúas figuras que se repiten, que para ela tenhen un significado particular. Auga e animáis, mesmo criaturas fantásticas. A auga é o amor que sacia a sede ou arrasa ciudades, os animáis son a liberdade a lombos de quen fuxir da dura realidade. Da sociedade que aliena aos individuos.

Os seus versos son un berro de liberdade, liberdade na puntuación, liberdade nas maiúsculas, na métrica, pero sobre todo nos temas e o xeito de expresalos. O continente sublimado polo contido. E verdades que golpean ao lector, dun xeito fermosamente prosaico.

Xela publicou catro poemarios. Denuncia do Equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Aínda permanece inédito o poemario Lili sen pistolas que quedou finalista do Esquiu de poesía e aparentemente non convencía moito á súa autora. A evolución que vemos dende o primeiro ata o derradeiro é sobre todo na forma. Comeza cunha liberdade de formas caseque total ata rematar nos poemas-rap de Intempériome, onde cada sílaba constrúe un verso. Amor, liberdade, alienación, morte. Descritos, cantados, chorados e ridos como só a sensibilidade dunha muller da súa cultura podía escribir. Reivindicando a profundidade do individuo frente o ruido das masas.

Falaba do seu carácter de precursora, de abridora de portas, exploradora de caminhos que a seguinte xeración de poetas (Yolanda Castaño, Enma Couceiro ou Olga Novo, entre outras) seguiron. De feito chegou a coincidir con elas nun traballo colectivo de poetas galegas homenaxeando a Rosalía.

É un pouco tópico dicir que o galego é unha lingua moi lírica, feita para a poesía e que deu grandes poetas tanto mulleres como homes, porque non podemos esquecer a Celso Emilio ou Manuel María entre outros. Pero é innegable que as voces femininas salientan dun xeito especial nas nosas letras. Nunha terra matriarcal, de mulleres fortes, a poesía e fermosa pero tamén auténtica, sincera. Mulleres que falan de si, en feminino singular, pero dando voz a moitas outras mulleres como elas, que poden sentir parecido.

Sinto algo de vergonha de non tela conhecido en vida, e ter que conhecela a través dunha profesora da Complutense. Pero despóis de ler a súa obra, aprendín a ollar doutro xeito a poesía contemporánea, e mesmo levoume a replantexarme cousas a nivel creativo. Ainda así confeso que mantenho a mina preguiza no tocante á poesía. De cando en vez leo algo pero son un devorador de narracións. Por sorte a poesía e a música en Galiza tenhen unha relación estreita, e moitos bos poemas rematan sendo boísimas cantigas. Polo momento non sei de nengún músico que tenha creado partindo da obra de Xela, pero coido que algún proxecto contemporáneo encaixaría moi ben coa súa obra atónica, explosiva e sincera.

Hai rumores de Día das letras galegas tanto para ela como para Luisa Villalta. En cinco anos ambalas dúas cumplirán o requisito de levar 15 anos lonxe do mundo terreo. Por unha banda é interesante que tanto os rapaces nas escolas, como o público en xeral por fin lean sobre poetas contemporáneas en troques de antropólogos do franquismo. Por outra banda é unha mágoa que dúas carreiras brillantes e dúas mulleres novas murcharan dun xeito tan precipitado.