Hai un ano, neste Blog, falaba das similitudes entre Galiza e Gales. A pouco
máis dunha semana do referendum que pode cambiar a historia de Escocia, imos
explorar aqueles aspectos que abeiran a Galiza e a antiga Caledonia.
Obviamente a meirande similitude é a gaita. Recentemente, Carlos Núñez
comparaba nunha entrevista as gaitas escocesa, irlandesa e galega. Segundo el,
a escocesa é unha gaita de guerra, a galega unha gaita de festa. Imos ver por
que a gaita escocesa é tan guerreira.
Os belicosos caledonios lograron resistir a potente Roma. Aínda que a parte
meridional do país recibiu unha certa influencia romana, no século II da nosa
era o imperio construiu un muro para mantelos lonxe das súas posesións en
terras británicas. Á caída do poder román o reino dos pictos consolida na meirande
parte do territorio actual de Escocia. Cunha forte influencia gaélica na
cultura, que levou a falar dunha hipotética invasión irlandesa. A medida que as
sucesivas invasións da illa traen primeiro saxóns, logo vikingos e finalmente
normandos, o reino de Escocia vaise definindo en oposición ao cada vez máis
poderoso vecinho do sur, Inglaterra. A súa eterna némesis.
A primeira ameaza seria para a independencia escocesa xorde co mesmo rei
inglés que anexionou Gales, cunha mestura de invasión militar e andrómenas
políticas. Estou a falar de Eduardo I (vello conhecido desde Blog), que
aproveitou a extinción da linha principal na casa real escocesa para mediar na designación
daquel nobre escocés que tivera mellor
dereito á coroa. Daquel tempo proven a lenda do heroe escocés William Wallace
(conhecido no noso tempo pola película de Mel Gibson) que loitou para liberar a
Escocia da influencia inglesa, e manter a súa independencia. Despóis dunha
época de loitas internas, Robert the Bruce consigue consolidar a coroa na súa
persoa, i evitar que Escocia se convirta
nun satélite de Inglaterra.
Aínda así a súa dinastía non logra pasar do seu fillo, e cando este morre o
seu neto Robert II instaura a casa de Stuart (Estuardo) no trono escocés.
Robert II era fillo de Marjorie, froito do segundo matrimonio de Robert the
Bruce. Os Estuardo acadan estabilizar a coroa na súa dinastía, e van ollar cara
a Francia como aliado natural fronte a Inglaterra. Mesmo durante a guerra dos
100 anos, soldados escoceses loitan a prol de Francia contra os exércitos
ingleses no continente.
Tras séculos de tensións territoriais, nun intento de acadar a paz con
Inglaterra, James IV de Escocia casa coa filla máis vella de Henrique VII de
Inglaterra (e irmá de Henrique VIII) Margaret Tudor. Este matrimonio vai ter
grandes consecuencias dinásticas ao cabo de dúas xeracións. Esta unión familiar
non asegurou a paz, porque nunha guerra entre Inglaterra e Francia, o rei
escocés apoia a Francia e perde a vida na batalla de Flodden. A súa morte
deixaba un neno de 17 meses como rei. Embora James V chegou a adulto, e coa súa
segunda muller, María de Guisa, foron pais da famosa María Estuardo. Refuxiada
en Inglaterra, desprezando á súa poderosa curmá Sabela I, e parte dunha
conspiración contra ela, a turbulenta vida de María Estuardo remata coa súa
execución, e a lenda que a seguiu.
O fillo que María tivo co seu segundo marido e curmán, Lord Darnley,
convertiría en James I de Inglaterra cando morreu a rainha Elizabeth sen
descendencia. Finalmente Escocia e Inglaterra unidas, pacíficamente, baixo un
rei da casa real de Escocia. A entrada triunfal de James na fortaleza de
Berwick (na fronteira con Escocia e bastión inglés contra ataques escoceses)
parecía marcar o inicio dunha etapa de paz e prosperidade. Pero a unión demostrou non ser tan feliz. Como
sucedera coa dinastía de orixe galés Tudor, non significou preeminencia nen consideración
especial por Escocia.
James prometerá volver a Escocia cada 3 anos, pero fixo de Londres e
Inglaterra o centro das súas tres coroas, pois convertirá tamén en rei de
Irlanda. A bandeira da unión, a célebre Union Jack, ven do seu tempo. O seu
fillo Carlos I será o derradeiro rei de ambalas dúas coroas que sexa coroado en
Escocia. E o conflito relixioso que deriva na Guerra civil Inglesa, comeza en
Escocia onde os bispos (de ideoloxía calvinista) non aceptan a imposición de
usos da Igrexa de Inglaterra.
Trala restauración de Carlos II, despóis do Interregnum, o seu irmán o Duque de York (impopular en Inglaterra por ser abertamente
católico)exerce de gobernador, e consegue ser xurado sucesor do seu irmán como
rei de Escocia polo parlamento local. Como Inglaterra non parecía moi entusiasmada
coa idea de telo como monarca, cabía a posibilidade de que Escocia e Inglaterra
separaran, pero James é proclamado rei á morte do seu irmán. O certo é que só
para perder a coroa 4 anos despóis da man do seu sobrinho e xenro Guillerme de
Orange. A segunda filla de James, Ana haberá xogar un papel importante na
historia do reino porque baixo o seu goberno a acta de unión de 1707 elimina o
parlamento escocés (que existía dende o século XIII) i Escocia pasa a ser
lexislada dende Westminster, e gobernada dende Londres. Os escoceses viron
nesta radical perda de poder a única solución ao desastre de Darien. Un
infructuoso e ruinoso proxecto de establecer unha colonia comercial escocesa en
Panamá. Concesións políticas a cambio de rescate económico. Soa familiar?
Non deixamos de falar de James, porque aínda que fora dun xeito pasivo
seguiu a xogar un papel importante no tango de amor e xenreira entre Escocia e
Inglaterra. O fillo que tivo no seu segundo matrimonio (cunha italiana católica
coma el) foi a causa de que fora derrocado. Ninguén quería un herdeiro católico,
e James exiliou en Francia. O seu fillo James “o vello pretendente” chegou cunha flota francesa para tentar recuperar,
o que consideraba o seu trono, pola forza militar. Pero este intento foi
interceptado pola flota británica. Desa primeira revolta Xacobita viría a sona
de Rob Roy. Anos despóis recollería a luva o seu fillo Charles “O pretendente
novo”, aprobeitando as poucas simpatías que a nova dinastía alemana que sucedeu
á raínha Ana espertaba.
Charles sí que acadou desembarcar, e de feito entrou triunfalmente en
Edimburgo dende onde lanzou unha proclama contra a dinastía estranxeira. A súa gallarda
figura acadoulle o alcume de “Bonnie Prince Charlie” entre as mulleres
escocesas. Pero o segundo rei da dinastía Hannover, Xurxo II enviou ao seu
segundo fillo, O duque de Cumberland (Cumberland “O carniceiro” en Escocia) que
eliminou o perigo arrasando as tropas xacobitas na batalla de Culloden. O
pretendente tivo que fuxir, e logrou embarcar na illa de Skye coa axuda dunha
muller pertencente a unha familia xacobita das Hébridas. Flora MacDonald axudou
ao príncipe a escapar a Skye, e dende alí volver ao continente.
Bonnie Prince Charlie tivo que disfrazar da criada irlandesa de Flora para
atinxir a fuxida. Pero os barqueiros denunciaron á MacDonald, que rematou na
Torre de Londres polo que se consideraba un acto de traizón. Entrevistada polo propio
Duque de Cumberland, Flora asegurou ter axudado ao pretendente só pola caridade
que lle inspirou a súa desesperada situación, e que tivera axudado ao mesmo
Cumberland de telo visto nunha situación semellante.
A resposta dos monarcas ingleses perante a clara desafección dos clanes
escoceses foi a prohibición dun dos sinais máis distintivos dos mesmos, o uso
do tartán. Durante caseque un século os tecidos a cadros que distinguían cada
linaxe non puideron ser usados en público. Ata que o bisneto de Xurxo II, o
anteriormente conhecido como o Príncipe rexente, Xurxo IV, fixo unha visita diplomática ao
reino levando el mesmo un kilt co tartán familiar.
A súa sobrinha, a rainha Victoria iría alén no seu amor polo seu reino do
Norte, mercando unha propiedade preto de Aberdeen, e veraneando en Balmoral
dende aquela. Por suxerencia de Sir Walter Scott, a mesma rainha permitiu que se
rescataran do esquecemento as xoias da coroa de Escocia, gardadas nun cofre
dende había máis de 100 anos, cando a unión definitiva dos reinos. Os honours
of Scotland (coroa, cetro i espada) son máis vellos cas xoias da coroa de
Inglaterra porque sobreviviron á guerra civil. Dende os tempos da raínha-emperatriz
os membros da familia real británica lucen kilts con fachendo, especialmente
cando visitan Escocia.
A simpatía que a autenticidade escocesa levantaba dentro do imperio
semellou mellorar a imaxe do reino e as tensións con Inglaterra. Pero do lado
escocés as cicatrices eran demasiado profundas para esquecer doadamente o
pasado.
Tiven a boa fortuna de pasar un mes en Edimburgo cando tinha 17 anos. E a
xenreira por todo o inglés era constante e unánime. Valorando os feitos
históricos que venho de expor, podemos ver que Escocia e Galiza gardan
semellanzas en canto a territorios periféricos pertencentes a estados
plurinacionais e multiculturais, que decidiron artellar o seu futuro promovendo
unha cultura, lingua e identidade “comúns”. Semellantes na teima en que
protexeron lingua e cultura como un xeito de distinguirse das impostas polo
poder central. Que viron como o seu apoio ao bando perdedor en loitas
dinásticas foi usado como excusa para proceder a atacar, e mesmo tentar
erradicar a súa cultura e identidade propias. Terras de emigrantes: en Escocia
cun componhente político porque moitos escoceses foron deportados a America
despóis das revoltas xacobitas, e outros emigraron por necesidades económicas.
Terras fachendosas da súa idiosincrasia, a pesares de que esa singularidade
chegou ser perseguida e mesmo ilegalizada.
Os reis de Escocia eran coroados na abadía de Scone sobre a pedra do
destinho (ou pedra de Scone). A tradición di que Fergus Mór trouxera a pedra de
Irlanda, e que mesmo era a pedra onde os reis irlandeses foran coroados en
Tara. Outra tradición di que a pedra fora a usada como almofada por Xacob cando
sonhou con anxos subindo e baixando do ceo por unha escaleira. Certa tradición
dí tamén que esa pedra fora collida de Galiza polos irlandeses. A pedra forma
parte do trono da coroación de Inglaterra (na Abadía de Westminster) pero en
1996 foi levada ao Castelo de Edimburgo no día de San Andrés (patrón do reino)
para ser devolta a Escocia dun xeito simbólico.
Veremos que pasa o día 18, porque o feito de que os escoceses estean fachendosos
da súa diferenciada identidade non quere dicir que todos tenhan claro que
realmente queran deixar de formar parte do Reino Unido. Porque ao fin e ao cabo
foi instaurado por un dos seus reis, que chegou a unir os tres reinos por unha
carambola do destinho.