sábado, 6 de septiembre de 2014

A bravura de Flora MacDonald




Hai un ano, neste Blog, falaba das similitudes entre Galiza e Gales. A pouco máis dunha semana do referendum que pode cambiar a historia de Escocia, imos explorar aqueles aspectos que abeiran a Galiza e a antiga Caledonia.

Obviamente a meirande similitude é a gaita. Recentemente, Carlos Núñez comparaba nunha entrevista as gaitas escocesa, irlandesa e galega. Segundo el, a escocesa é unha gaita de guerra, a galega unha gaita de festa. Imos ver por que a gaita escocesa é tan guerreira.

Os belicosos caledonios lograron resistir a potente Roma. Aínda que a parte meridional do país recibiu unha certa influencia romana, no século II da nosa era o imperio construiu un muro para mantelos lonxe das súas posesións en terras británicas. Á caída do poder román o reino dos pictos consolida na meirande parte do territorio actual de Escocia. Cunha forte influencia gaélica na cultura, que levou a falar dunha hipotética invasión irlandesa. A medida que as sucesivas invasións da illa traen primeiro saxóns, logo vikingos e finalmente normandos, o reino de Escocia vaise definindo en oposición ao cada vez máis poderoso vecinho do sur, Inglaterra. A súa eterna némesis.

A primeira ameaza seria para a independencia escocesa xorde co mesmo rei inglés que anexionou Gales, cunha mestura de invasión militar e andrómenas políticas. Estou a falar de Eduardo I (vello conhecido desde Blog), que aproveitou a extinción da linha principal na casa real escocesa para mediar na designación daquel nobre escocés que tivera  mellor dereito á coroa. Daquel tempo proven a lenda do heroe escocés William Wallace (conhecido no noso tempo pola película de Mel Gibson) que loitou para liberar a Escocia da influencia inglesa, e manter a súa independencia. Despóis dunha época de loitas internas, Robert the Bruce consigue consolidar a coroa na súa persoa,  i evitar que Escocia se convirta nun satélite de Inglaterra.

Aínda así a súa dinastía non logra pasar do seu fillo, e cando este morre o seu neto Robert II instaura a casa de Stuart (Estuardo) no trono escocés. Robert II era fillo de Marjorie, froito do segundo matrimonio de Robert the Bruce. Os Estuardo acadan estabilizar a coroa na súa dinastía, e van ollar cara a Francia como aliado natural fronte a Inglaterra. Mesmo durante a guerra dos 100 anos, soldados escoceses loitan a prol de Francia contra os exércitos ingleses no continente.

Tras séculos de tensións territoriais, nun intento de acadar a paz con Inglaterra, James IV de Escocia casa coa filla máis vella de Henrique VII de Inglaterra (e irmá de Henrique VIII) Margaret Tudor. Este matrimonio vai ter grandes consecuencias dinásticas ao cabo de dúas xeracións. Esta unión familiar non asegurou a paz, porque nunha guerra entre Inglaterra e Francia, o rei escocés apoia a Francia e perde a vida na batalla de Flodden. A súa morte deixaba un neno de 17 meses como rei. Embora James V chegou a adulto, e coa súa segunda muller, María de Guisa, foron pais da famosa María Estuardo. Refuxiada en Inglaterra, desprezando á súa poderosa curmá Sabela I, e parte dunha conspiración contra ela, a turbulenta vida de María Estuardo remata coa súa execución, e a lenda que a seguiu.

O fillo que María tivo co seu segundo marido e curmán, Lord Darnley, convertiría en James I de Inglaterra cando morreu a rainha Elizabeth sen descendencia. Finalmente Escocia e Inglaterra unidas, pacíficamente, baixo un rei da casa real de Escocia. A entrada triunfal de James na fortaleza de Berwick (na fronteira con Escocia e bastión inglés contra ataques escoceses) parecía marcar o inicio dunha etapa de paz e prosperidade. Pero a  unión demostrou non ser tan feliz. Como sucedera coa dinastía de orixe galés Tudor, non significou preeminencia nen consideración especial por Escocia.

James prometerá volver a Escocia cada 3 anos, pero fixo de Londres e Inglaterra o centro das súas tres coroas, pois convertirá tamén en rei de Irlanda. A bandeira da unión, a célebre Union Jack, ven do seu tempo. O seu fillo Carlos I será o derradeiro rei de ambalas dúas coroas que sexa coroado en Escocia. E o conflito relixioso que deriva na Guerra civil Inglesa, comeza en Escocia onde os bispos (de ideoloxía calvinista) non aceptan a imposición de usos da Igrexa de Inglaterra.

Trala restauración de Carlos II, despóis do Interregnum,  o seu irmán o Duque de York  (impopular en Inglaterra por ser abertamente católico)exerce de gobernador, e consegue ser xurado sucesor do seu irmán como rei de Escocia polo parlamento local. Como Inglaterra non parecía moi entusiasmada coa idea de telo como monarca, cabía a posibilidade de que Escocia e Inglaterra separaran, pero James é proclamado rei á morte do seu irmán. O certo é que só para perder a coroa 4 anos despóis da man do seu sobrinho e xenro Guillerme de Orange. A segunda filla de James, Ana haberá xogar un papel importante na historia do reino porque baixo o seu goberno a acta de unión de 1707 elimina o parlamento escocés (que existía dende o século XIII) i Escocia pasa a ser lexislada dende Westminster, e gobernada dende Londres. Os escoceses viron nesta radical perda de poder a única solución ao desastre de Darien. Un infructuoso e ruinoso proxecto de establecer unha colonia comercial escocesa en Panamá. Concesións políticas a cambio de rescate económico. Soa familiar?

Non deixamos de falar de James, porque aínda que fora dun xeito pasivo seguiu a xogar un papel importante no tango de amor e xenreira entre Escocia e Inglaterra. O fillo que tivo no seu segundo matrimonio (cunha italiana católica coma el) foi a causa de que fora derrocado. Ninguén quería un herdeiro católico, e James exiliou en Francia. O seu fillo James “o vello pretendente”  chegou cunha flota francesa para tentar recuperar, o que consideraba o seu trono, pola forza militar. Pero este intento foi interceptado pola flota británica. Desa primeira revolta Xacobita viría a sona de Rob Roy. Anos despóis recollería a luva o seu fillo Charles “O pretendente novo”, aprobeitando as poucas simpatías que a nova dinastía alemana que sucedeu á raínha Ana espertaba.

Charles sí que acadou desembarcar, e de feito entrou triunfalmente en Edimburgo dende onde lanzou unha proclama contra a dinastía estranxeira. A súa gallarda figura acadoulle o alcume de “Bonnie Prince Charlie” entre as mulleres escocesas. Pero o segundo rei da dinastía Hannover, Xurxo II enviou ao seu segundo fillo, O duque de Cumberland (Cumberland “O carniceiro” en Escocia) que eliminou o perigo arrasando as tropas xacobitas na batalla de Culloden. O pretendente tivo que fuxir, e logrou embarcar na illa de Skye coa axuda dunha muller pertencente a unha familia xacobita das Hébridas. Flora MacDonald axudou ao príncipe a escapar a Skye, e dende alí volver ao continente.

Bonnie Prince Charlie tivo que disfrazar da criada irlandesa de Flora para atinxir a fuxida. Pero os barqueiros denunciaron á MacDonald, que rematou na Torre de Londres polo que se consideraba un acto de traizón. Entrevistada polo propio Duque de Cumberland, Flora asegurou ter axudado ao pretendente só pola caridade que lle inspirou a súa desesperada situación, e que tivera axudado ao mesmo Cumberland de telo visto nunha situación semellante.

A resposta dos monarcas ingleses perante a clara desafección dos clanes escoceses foi a prohibición dun dos sinais máis distintivos dos mesmos, o uso do tartán. Durante caseque un século os tecidos a cadros que distinguían cada linaxe non puideron ser usados en público. Ata que o bisneto de Xurxo II, o anteriormente conhecido como o Príncipe rexente,  Xurxo IV, fixo unha visita diplomática ao reino levando el mesmo un kilt co tartán familiar.

A súa sobrinha, a rainha Victoria iría alén no seu amor polo seu reino do Norte, mercando unha propiedade preto de Aberdeen, e veraneando en Balmoral dende aquela. Por suxerencia de Sir Walter Scott, a mesma rainha permitiu que se rescataran do esquecemento as xoias da coroa de Escocia, gardadas nun cofre dende había máis de 100 anos, cando a unión definitiva dos reinos. Os honours of Scotland (coroa, cetro i espada) son máis vellos cas xoias da coroa de Inglaterra porque sobreviviron á guerra civil. Dende os tempos da raínha-emperatriz os membros da familia real británica lucen kilts con fachendo, especialmente cando visitan Escocia.

A simpatía que a autenticidade escocesa levantaba dentro do imperio semellou mellorar a imaxe do reino e as tensións con Inglaterra. Pero do lado escocés as cicatrices eran demasiado profundas para esquecer doadamente o pasado.

Tiven a boa fortuna de pasar un mes en Edimburgo cando tinha 17 anos. E a xenreira por todo o inglés era constante e unánime. Valorando os feitos históricos que venho de expor, podemos ver que Escocia e Galiza gardan semellanzas en canto a territorios periféricos pertencentes a estados plurinacionais e multiculturais, que decidiron artellar o seu futuro promovendo unha cultura, lingua e identidade “comúns”. Semellantes na teima en que protexeron lingua e cultura como un xeito de distinguirse das impostas polo poder central. Que viron como o seu apoio ao bando perdedor en loitas dinásticas foi usado como excusa para proceder a atacar, e mesmo tentar erradicar a súa cultura e identidade propias. Terras de emigrantes: en Escocia cun componhente político porque moitos escoceses foron deportados a America despóis das revoltas xacobitas, e outros emigraron por necesidades económicas. Terras fachendosas da súa idiosincrasia, a pesares de que esa singularidade chegou ser perseguida e mesmo ilegalizada.

Os reis de Escocia eran coroados na abadía de Scone sobre a pedra do destinho (ou pedra de Scone). A tradición di que Fergus Mór trouxera a pedra de Irlanda, e que mesmo era a pedra onde os reis irlandeses foran coroados en Tara. Outra tradición di que a pedra fora a usada como almofada por Xacob cando sonhou con anxos subindo e baixando do ceo por unha escaleira. Certa tradición dí tamén que esa pedra fora collida de Galiza polos irlandeses. A pedra forma parte do trono da coroación de Inglaterra (na Abadía de Westminster) pero en 1996 foi levada ao Castelo de Edimburgo no día de San Andrés (patrón do reino) para ser devolta a Escocia dun xeito simbólico.

Veremos que pasa o día 18, porque o feito de que os escoceses estean fachendosos da súa diferenciada identidade non quere dicir que todos tenhan claro que realmente queran deixar de formar parte do Reino Unido. Porque ao fin e ao cabo foi instaurado por un dos seus reis, que chegou a unir os tres reinos por unha carambola do destinho.






No hay comentarios:

Publicar un comentario