sábado, 28 de marzo de 2015

Xestos


Hai un mes estaba en Galiza e tiven a sorte de asistir a un xantar en Vigo por mor da entrega do Premio Laxeiro, a un artista que ten un importante vencello cunha das minhas mellores amigas. Sentín moi afortunado de estar rodeado de artistas, familiares e amigos de Laxeiro, así como escritores e xornalistas. Tamén, obviamente, houbo unha porcentaxe institucional: Conselleiro de Cultura, alcaldes de Vigo e Lalín, candidata do PP á alcaldía de Vigo.

O conselleiro de cultura estivo entre os que falaron no momento da entrega, e sorprendeume no seu discurso que a información que tinha sobre o premiado (o escultor Silverio Rivas) semellaba recén saída de Google. Alo menos falou en galego, e nun galego que era aparente que  fala de cote. O actual alcalde de Vigo (a pesares de ser un gran orador) tamén usou a nosa lingua, aínda que a mallar na súa ortografía a pracer. Pero o seu caso non é único, feito moi elocuente sobre a diferente consideración entre o Galego e o Castelán. Porque, sería aceptable que un político dixera “haiga” ou “cocretas” nun discurso na lingua maioritaria? Daquela por que é aceptable que un político non contraiga artigos, use mal tempos e perífrases verbais na nosa lingua?

Vin ao Conselleiro de novo uns días despois (esta vez na televisión) nos actos celebrados en Compostela  polo día de Rosalía. O seu nomeamento veu como un xesto conciliador cando as estatísticas comezaron amosar preocupantes perdas de falantes entre cativos e adolescentes, principalmente froito da actual política lingüística, e o famoso decreto da Xunta. O goberno galego responsabilizou ás familias por este fenómeno. Pero que interese ou apoio vai dar unha sociedade non educada na apreciación da riqueza cultural que aporta unha lingua vernácula? Ten que haber unha retroalimentación entre cultura e sociedade, e a canle normal para esta comunicación é a educación. A educación nas dúas acepcións de transmisión de conhecementos e concienciación no respeto, neste caso á importancia da cultura. Valoración da obra de arte viva que é unha lingua, vehículo de comunicación e cultura, adn dun pobo.

Como van considerar as novas xeracións o valor da nosa lingua se nos medios de comunicación vese aldraxada por opinións ignorantes, de xente que afirma sen vergonha que é unha lingua de pailáns e analfabetos? O problema é que atopamos tolerable que os gobernos fagan só xestos. Como cando no antigo Réxime os monarcas comían en público para dar unha sensación de proximidade. Está moi ben que o novo Conselleiro de Cultura fale galego, e non amose a aberta hostilidade que o seu  predecesor non disimulaba. Porque é sinxelamente inadmisible que un cargo público use esa plataforma como parapeto para atacar a contrincantes políticos. Usando un discurso maniqueo de bos e malos. Proxectando luces e sombras sobre a realidade coa excusa de empunhar o facho da liberdade. Falar dúas linguas non é doado, porque supón un esforzo, i a preguiza semella unha opción máis doada, camuflada de liberdade.

Está moi ben que na Xunta celebren o día de Rosalía, as letras Galegas e canten a metade d’Os Pinos o 25 de Xullo. Pero o resto do ano a lingua non pode estar gardada nun caixón. A realidade dun país faise día a día, non en festas de gardar. O novo Conselleiro pode ser dos “da boina” pero non se viu un só cambio na lexislación agresiva deica o galego da Xunta dende que tomou posesión do cargo. Precisamos de algo máis ca xestos, porque acenar é gastar enerxía en balde, sen facer nada realmente productivo.

Disque sopran ventos de cambio na política, pero esas alternativas, esas novas esperanzas venhen cheas de negros agoiros para a nosa lingua e cultura. Os dous partidos que máis medran en intención de voto sinten indiferencia fronte a esta problemática, cando non aberta hostilidade. Podemos, no seu discurso viscoso e cambiante, como unha substancia que se adapta ao recipiente onde a depositan, non considera no seu programa unha solución á este tema. Porque non é un tema que venda ou dé votos. Ciutadans directamente é hostil a intentos de consolidar e asegurar o futuro das línguas vernáculas. O partido que anteriormente se presentaba como a alternativa apoiaba abertamente a Galicia bilingüe.

O Tribunal Supremo ven de dicir que o Decreto do Galego é legal, non conculca a Carta Europea de Línguas Minoritarias e que a distribución de horas entre Castelán, Galego e Inglés e congruente co Estatuto de Autonomía. Reconhece alo menos a inconstitucionalidade de dous puntos. A consulta ás familias, e que en educación infantil non poderá haber só aulas en Castelán.

Son licenciado en Dereito e o primeiro que me ensinaron na facultade é que legal e lexítimo ou xusto non son sinónimos. Legal é só aquello aprobado segundo unhos determinados procedementos . A responsabilidade de preservar a cultura é daquela da sociedade. Os poderes públicos están ao servicio da ideoloxía de determinados partidos. Da miopía de determinada xente. O procuran contentar a amplos sectores da sociedade, para asegurar votos. E velaí aparecen os xestos. 

Vivín en Madrid durante caseque 11 anos, e non tenho queixa. Pero é lamentable a ignorancia perante a cuestión das outras línguas que hai alí. Se me deran un euro por cada vez que alguén me preguntou abraiado por que escribo en galego, tinha pagada a hipoteca. Porque hai xente que aínda pensa que son malformacións do Castelán, ou un invento para amolar. Non só é preciso concienciar da importancia das linguas aos seus potenciais falantes, tamén sería bó ensinar ao resto do país un pouco de onde ven cada unha, sen precisar ensinar a lingua. Máis concienciar da súa riqueza e da súa aportación a cultura dun país. Alén de xestos, con honesto interese, con conciencia real, con responsabilidade.