Hai un mes estaba en Galiza e tiven a sorte de asistir a un xantar en Vigo
por mor da entrega do Premio Laxeiro, a un artista que ten un importante vencello
cunha das minhas mellores amigas. Sentín moi afortunado de estar rodeado de
artistas, familiares e amigos de Laxeiro, así como escritores e xornalistas.
Tamén, obviamente, houbo unha porcentaxe institucional: Conselleiro de Cultura,
alcaldes de Vigo e Lalín, candidata do PP á alcaldía de Vigo.
O conselleiro de cultura estivo entre os que falaron no momento da entrega,
e sorprendeume no seu discurso que a información que tinha sobre o premiado (o
escultor Silverio Rivas) semellaba recén saída de Google. Alo menos falou en
galego, e nun galego que era aparente que fala de cote. O actual alcalde de Vigo (a
pesares de ser un gran orador) tamén usou a nosa lingua, aínda que a mallar na
súa ortografía a pracer. Pero o seu caso non é único, feito moi elocuente sobre
a diferente consideración entre o Galego e o Castelán. Porque, sería aceptable
que un político dixera “haiga” ou “cocretas” nun discurso na lingua
maioritaria? Daquela por que é aceptable que un político non contraiga artigos,
use mal tempos e perífrases verbais na nosa lingua?
Vin ao Conselleiro de novo uns días despois (esta vez na televisión) nos
actos celebrados en Compostela polo día
de Rosalía. O seu nomeamento veu como un xesto conciliador cando as
estatísticas comezaron amosar preocupantes perdas de falantes entre cativos e
adolescentes, principalmente froito da actual política lingüística, e o famoso
decreto da Xunta. O goberno galego responsabilizou ás familias por este
fenómeno. Pero que interese ou apoio vai dar unha sociedade non educada na
apreciación da riqueza cultural que aporta unha lingua vernácula? Ten que haber
unha retroalimentación entre cultura e sociedade, e a canle normal para esta
comunicación é a educación. A educación nas dúas acepcións de transmisión de
conhecementos e concienciación no respeto, neste caso á importancia da cultura.
Valoración da obra de arte viva que é unha lingua, vehículo de comunicación e
cultura, adn dun pobo.
Como van considerar as novas xeracións o valor da nosa lingua se nos medios
de comunicación vese aldraxada por opinións ignorantes, de xente que afirma sen
vergonha que é unha lingua de pailáns e analfabetos? O problema é que atopamos
tolerable que os gobernos fagan só xestos. Como cando no antigo Réxime os
monarcas comían en público para dar unha sensación de proximidade. Está moi ben
que o novo Conselleiro de Cultura fale galego, e non amose a aberta hostilidade
que o seu predecesor non disimulaba.
Porque é sinxelamente inadmisible que un cargo público use esa plataforma como
parapeto para atacar a contrincantes políticos. Usando un discurso maniqueo de
bos e malos. Proxectando luces e sombras sobre a realidade coa excusa de
empunhar o facho da liberdade. Falar dúas linguas non é doado, porque supón un esforzo,
i a preguiza semella unha opción máis doada, camuflada de liberdade.
Está moi ben que na Xunta celebren o día de Rosalía, as letras Galegas e
canten a metade d’Os Pinos o 25 de Xullo. Pero o resto do ano a lingua non pode
estar gardada nun caixón. A realidade dun país faise día a día, non en festas
de gardar. O novo Conselleiro pode ser dos “da boina” pero non se viu un só
cambio na lexislación agresiva deica o galego da Xunta dende que tomou posesión
do cargo. Precisamos de algo máis ca xestos, porque acenar é gastar enerxía en
balde, sen facer nada realmente productivo.
Disque sopran ventos de cambio na política, pero esas alternativas, esas
novas esperanzas venhen cheas de negros agoiros para a nosa lingua e cultura.
Os dous partidos que máis medran en intención de voto sinten indiferencia
fronte a esta problemática, cando non aberta hostilidade. Podemos, no seu
discurso viscoso e cambiante, como unha substancia que se adapta ao recipiente
onde a depositan, non considera no seu programa unha solución á este tema.
Porque non é un tema que venda ou dé votos. Ciutadans directamente é hostil a
intentos de consolidar e asegurar o futuro das línguas vernáculas. O partido
que anteriormente se presentaba como a alternativa apoiaba abertamente a
Galicia bilingüe.
O Tribunal Supremo ven de dicir que o Decreto do Galego é legal, non conculca
a Carta Europea de Línguas Minoritarias e que a distribución de horas entre Castelán,
Galego e Inglés e congruente co Estatuto de Autonomía. Reconhece alo menos a
inconstitucionalidade de dous puntos. A consulta ás familias, e que en
educación infantil non poderá haber só aulas en Castelán.
Son licenciado en Dereito e o primeiro que me ensinaron na facultade é que
legal e lexítimo ou xusto non son sinónimos. Legal é só aquello aprobado
segundo unhos determinados procedementos . A responsabilidade de preservar a
cultura é daquela da sociedade. Os poderes públicos están ao
servicio da ideoloxía de determinados partidos. Da miopía de determinada xente. O procuran contentar a amplos sectores da sociedade, para asegurar votos. E velaí aparecen os xestos.
Vivín en Madrid durante caseque 11 anos, e non tenho queixa. Pero é lamentable
a ignorancia perante a cuestión das outras línguas que hai alí. Se me deran un
euro por cada vez que alguén me preguntou abraiado por que escribo en galego,
tinha pagada a hipoteca. Porque hai xente que aínda pensa que son malformacións
do Castelán, ou un invento para amolar. Non só é preciso concienciar da
importancia das linguas aos seus potenciais falantes, tamén sería bó ensinar ao
resto do país un pouco de onde ven cada unha, sen precisar ensinar a lingua.
Máis concienciar da súa riqueza e da súa aportación a cultura dun país. Alén de
xestos, con honesto interese, con conciencia real, con responsabilidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario