Sen ter espirito de hipster, tenho que reconhecer que
as veces danme preguiza certos fenómenos de masas. Por exemplo, canto máis me
recomendan Xogo de tronos, menos interese sinto pola serie. O certo é que os
retrincos que tenho visto non me seducen. Son seguidor de series con moito
éxito (como Homeland), pero reconhezo ter o meu punto rebelde con aquelo que se
supón, ten que gustar a todo o mundo.
Iso pasoume nun principio coa saga de Harry Potter.
Aínda lembro como a publicidade da primeira película, xoguetes e merchandising
asociados a ela foi insufrible. Eu daquela tinha 24 anos,e non me chamaba a
atención en absoluto aquel produto tan claramente dirixido a rapaces. Non fun vela ao cinema, e non me
quedou intención mesmo de vela na casa, pero nunha visita a uns amigos en
Brighton puxerona, vina e non me pareceu tan mal. Eu estaba a vivir en Londres
por aquel tempo, e lembro como algo chamou a minha atención. Nun pub (perto de
Tottenham Court Road) onde iamos moitas veces despois de traballar, vin unha
vez sentado na barra, disfrutando da súa pinta, a un home de non menos de 50
anos. Cunha aparencia nada nerd e un bulldog sentado aos seus pes, o típico
inglés da súa idade. Na súa man un dos libros da saga de Harry Potter (en
edición para adultos). Esa
exótica imaxe doume para matinar, pero a cousa quedou aí.
A segunda película comezou espertar certo interese, e
a terceira (dirixida por Alfonso Cuarón e considerada por moitos a mellor das
oito) incrementou ese interese. Ata que unha entusiasta compañeira de traballo
que tiven en Tres Cantos (perto de Madrid) preguntoume se ía con ela ver a
cuarta película. Dixen que si, e aí xa non houbo marcha atrás. O intrigante
final da mesma fixo que lle pedira o quinto e sexto libros.
Cando estaba a piques de rematar o quinto, o libro
caeu do meu peto a unha pucharca xusto diante do portal onde vivía entón. O
libro quedou emporcado de lama, e decidín comprarlle un novo á minha companheira.
Por accidente convertín en propietario dun dos libros. Unha vez lidos o quinto
e sexto, quedaba agardar polo séptimo. E tiven que ser paciente caseque dous
anos. Mantendo un ollo na
páxina-blog onde J.K. Rowling ía dando pistas sobre cousas que ían pasar no
libro. Lendo foros de lectores con teorías (máis ou menos acertadas) de
posibles acontecementos.
Os libros saían primeiro en inglés, e unha vez
publicados na lingua de Shakespeare, podían traducirse. Porque non querían que
a través das traduccións se filtrase algún detalle. De todos os xeitos eu lino
en inglés en canto estivo disponhible. Remateino en menos dunha semana, e ao
pechar as cubertas despois de ver a famosa última palabra (scar), entendín por
que a autora chorara e sentira orfa ao rematar de escribilo.
Aparte de todas as críticas de grupos ultra cristiáns
que atacaban a idealización dun mundo máxico poboado por bruxas boas, os
principais argumentos en contra centraron no estilo e talento literario da
autora. Persoalmente eu atopo esas críticas inexactas e moi snobs. O estilo
adapta ao carácter da obra, que soubo cativar tanto a rapaces como a adultos. E
acada algo tan difícil como normalizar e facer crible ese universo máxico de
vasoiras voadoras, paralelo ao noso aburrido e prosaico mundo.
O contexto dese mundo paralelo é desenrolado ata o
mínimo detalle, e os nomes das máis das personaxes é brillante. Que a profesora
de adivinhación se chame Sybill, e sexa neta dunha famosa adivinha chamada
Cassandra, é simplemente xenial. Hai moitos casos semellantes, tales como que o
nome da intelixente profesora McGonagall sexa Minerva, ou o lobishome bó, amigo
dos pais de Harry se chame Remus Lupin.
O talento desa muller en paro que concibiu a historia
no retraso dun tren a Manchester fíxoa millonaria, e hai xente que non atura o
éxito alleo. Sobre todo porque hoxe en día vivir da literatura non é doado. E
moito menos facer unha fortuna con elo.
O primerio libro da autora fora da saga, a novela The
casual vacancy, foi
duramente atacada porque non tinha o aquel especial dos sete anteriores da
escritora. Pero non podes agardar maxia na loita por unha praza de funcionario
nun pequno concello. Ainda que sí moita da ironía que fai que pasaxes da famosa
saga sexan particularmente divertidos, en medio de momentos no que o argumento
é sombrío e desacougante.
A pesares de ser unha autora que claramente xera
riqueza para as editoriais J.K. Rowling sentía que estas levan a mellor parte
do pastel, e tivo a feliz idea de crear unha páxina web chamada Pottermore
dende onde vende versións revisadas e ampliadas dos libros, e vai soltando
pequenas perlas completando certos aspectos da historia e dando ideas do que
aconteceu máis tarde aos protagonistas.
Afortunadamente hai tradución ao galego, e unha autora
de innegable calidade literaria como é Marilar Aleixandre traduciu o primeiro
libro “Harry Potter e a pedra filosofal”. Iso da a idea de que non se trata dun
fato de libros escritos de calquera xeito, cun estilo infantil. De feito eses
libros tenhen ganhado moitos rapaces para a causa da lectura.
Ponho o meu propio exemplo de escéptico convertido,
para aqueles que aínda sinten tedio ao pensar nos 7 libros que a autora ideou
nun tren, comezou a escribir en cafés de Edimburgo e rematou no Hotel Balmoral
de Princess Street, na capital escocesa.
Como dí o sabio Albus Dumbledore na súa derradeira
aparición. A xente esquece de cote o máxico poder das palabras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario