Despois dunha semana de descanso (non sei si merecido ou
non) volvo á disciplina deste blog. Esta semana vou abordar un tema tan
importante como é o futuro da nosa lingua, que está nas mans dos rapaces e
rapazas que están a medrar i educarse nistes días. Por suposto no mundo
tecnolóxico e audiovisual no que vivimos, a televisión e a radio tenhen un rol
moi importante na formación dos espectadores. En especial dos rapaces, que
asimilan todo o que ven, especialmente deste xeito tan doado e ameno.
Salienta dentro da TVG un programa que xa caseque leva 20 anos emitindo
debuxos e programas infantís internacionais en galego, falo por suposto do
Xabarín Club. A súa contribución á normalización lingüística pareceme moi
importante. E non, a normalización lingüística non son un colectivo de radicais
simpatizantes do terrorismo agachados tras das súas pancartas. A normalización
lingüística é algo absolutamente necesario si queremos que a nosa lingua siga a
ser unha lingua viva e falada. E toda lingua asegura o seu futuro con novos falantes. Algo
totalmente necesario e natural nunha sociedade onde conviven dúas linguas sen
igualdade de condicións. O fomento da lingua máis feble socialmente ten toda a
lóxica para garantir o seu futuro.
O gran mérito do Xabarín é precisamente facer que rapaces que nunca
escoitan galego na súa casa ou no seu eido en xeral, o fagan dun xeito
totalmente natural. Cando o Xabarín comezou alá polo 1994 eu xa estaba a piques
de entrar na universidade, e aínda así vía o programa co meu irmán, que ten o
carnet gardado como un tesouro. Eu ía a un colexio privado e os meus
companheiros eran nos máis dos casos xente da burguesía corunhesa, clase
media-alta, nas antípodas do perfil cotiá de galegofalante. E aínda así, lembro
a alguna das minhas companheiras máis estiradas a cantar a canción dos
Heredeiros da Crus Que jallo é, co seu
famosísimo refrán churras, churras, churras. Porque xunto coas series en galego
estaban as estupendas cancións de A cantar con Xabarín que ademáis do megahit
dos heredeiros da Crus (tiveron outro chamado Íscalle lura) tinhan boas
cancións de grupos galegos como o Estou
na lavadora do Caimán do río Tea, e
cancións dos Diplomáticos de Monte Alto, Yellow pixoliñas, etc. O que se deu en
chamar Rock bravú. Pero esas cancións cargadas de humor e referencias rurais
tenhen o mérito de que xente que ata daquela consideraba demasidado boa para
falar galego, cantase con naturalidade e humor as súas letras.
O Xabarín daquela foi unha especie de versión galega da famosa Bola de
cristal que rachara con todos os precedentes en programación infantil naquela
Espanha efervescente dos oitenta. Porque o Xabarín ademáis de ponher debuxos
cun éxito brutal como As bolas do dragón, tinha microespazos propios como a
sección na que o doutor TNT falaba das derradeiras tendencias de banda
desenhada. Ou a sección de moda de Silvia Superstar, a cantante da banda
viguesa The killer barbies. Tamén
podíamos escoitar en galego os experimentos caseiros do Mundo de Beakman.
Dun xeito caseque imperceptible ese programa acadou que moita xente
comezase ver programas en galego, o que quere dicir no seu caso que podemos
consideralo un éxito rotundo no obxectivo que ten a Radio televisión de Galicia
de contribuir á normalización lingüística. Xa falarei en xeral da Galega e ata
que punto cumple ou non con isa finalidade, alén da obxectividade dos seus
informativos ou a evidente falla de naturalidade ao falar en galego dos máis
dos seus presentadores.
Saco iste tema, porque no medio dos moitos recurtes e precariedade do mundo
editorial galego hai pouco voltou saír á rúa a revista Oink do devandito
Xabarín club. É unha boa nova porque é o xeito máis natural de que os
espectadores do programa afagan a ler en galego. Un primeiro paso para ganhar
lectores para a nosa lingua, comezando con revistas e banda desenhada, e no
mellor dos casos pasando á boísima literatura infantil e xuvenil que ten a nosa
lingua.
Outra das grandes contribucións da televisión galega á normalización
lingüística entre os máis novos son as dobraxes das películas de Asterix. Algunha
delas tenhen unha dobraxe épica, como a que de As doce probas ou Asterix e
Cleopatra. Falando co meu irmán (e coido que non somos os únicos) marcaronnos
tanto istas dobraxes que cóstanos máis velas en castelán, afeitos as moi boas
voces dos seus dobradores.
Non me gusta estar sempre en clave planhideira e pesimista, porque son
optimista de meu e prefiro quedarme co bó das cousas, aínda que a situación real da
nosa lingua non permite que durmamos nos loureiros pensando que porque a xente
sexa quen de ver anime en galego está todo salvado. Pero polo menos é un xeito
de que os cativos venzan prexuizos dos seus pais e os adultos que os arrodean,
e podan chegar a estimar o galego por eles mesmos ainda que aprender unha
lingua require moita disciplina, e a preguiza que xeralmente caracteriza á
adolescencia non case ben con ela. Un rapaz que non sexa animado a aprender
polos adultos que o arrodean vai sentir menos estimulado a facelo. Se dun xeito
doado, como a través da televisión, dáselle a ese rapaz a posibilidade de
aprender e practicar unha lingua, ise rapaz será un adulto que a conheza, e poderá expresarse nila máis adiante.
Falaba unhas linhas máis arriba da literatura infantil e xuvenil e está a
piques de sair un interesantísimo proxecto literario que combina narración e
ilustracións. Chámase Vento e chuvia e
nel Manuel Gago fala da cultura castrexa, dos seus homes e os seus deuses dun
xeito didáctico pero entretido. Unha boa programación en galego pode ser o paso
previo a que os rapaces lean libros na nosa lingua.
A teimuda resistencia do galego a políticas represoras no pasado, baseaba
ata certo punto no illamento do mundo rural. Niste mundo de aldea global e comunicación
planetarias os medios audiovisuais tenhen que ser un aliado que axude a dar un
futuro a linguas nunha situación de vulnabilidade. Longa vida ao Xabarín, que
siga moitos anos axudando aos nosos rapaces a afacerse a que os seus personaxes
favoritos falen na lingua dos seus avós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario