O gran bardo, Pondal, dixo nun dos seus poemas o que segue:
Miniñas da Cruña,
d' amabre despejo,
de falas graciosas
e pasos ligeiros,
deixá de Castilla
os duros acentos:
falade, miniñas,
falade gallego.
d' amabre despejo,
de falas graciosas
e pasos ligeiros,
deixá de Castilla
os duros acentos:
falade, miniñas,
falade gallego.
Desgrazadamente é un tópico moi
extendido a pouca ou nula galeguidade da Corunha, mesmo un certo
antigaleguismo. Levo loitando contra isa falta á verdade dende cativo. Son
corunhés e sinto moi fachendoso de selo. Ollo, non quero dicir que sexa mellor
ou peor por ter nacido nesta cidade. Sinxelamente forma parte da minha
identidade, e gústame. É verdade que dos sete pecados capitais a minha cidade
(ou máis ben os seus cidadáns) pecan (ou pecamos) de soberbia. Certo que ás
veces dun xeito sobrado en exceso, e ollando por riba do ombreiro a xente
doutras terras.
Certo que o tópico de pouco galega
espállano primeiro, e denantes que ninguén, moitas persoas da cidade. Hai pouco
Rafa Cuiña puña un post no Facebook abraiado de que unha muller dixera en V
televisión que na Corunha falar galego considerábase propio de xente da aldea.
Faime graza a facilidade coa que certa xente institúe en portavoz
de todo un colectivo, e falan sen complexos en nome de toda unha cidade.
Pareceme un atrevemento cando o fan os políticos, que dalgún xeito estarían
lexitimados polos seus votos. Pero cando alguén totalmente anónimo decide falar
en nome dun colectivo xa me parece a repanocha. O malo é cando hai quen recolle
esa luva e da por certa a afirmación. Un dos comentarios a ese post aseguraba
tranquilamente que nas cidades falase pouco galego, sobre todo na Corunha.
Gustaríame que quen pon á minha
cidade de primeira na lista aporte porcentaxes que amosen claramente que
noutras cidades fálase aínda que sexa un chisco máis de galego. Recentemente un
estudio amosaba claramente que o nivel máis baixo de falantes de galego estaba
nas cidades de Ferrol, A Corunha e Vigo. Pero non salientaba ningunha delas por
riba das outras. O curioso é que a pesares diso Vigo é percibida como unha
cidade galeguista (cos mesmos niveis de falantes que ten Corunha) namentres que
Corunha é percibida como unha cidade espanholista. Ollo, que non quero entrar en polémicas entre cidades i
escollo Vigo precisamente pola distinta sona, que ten a pesares de compartir
isa característica coa eterna rival. Tenho un grande respeto pola cidade
olívica, e coido que un dos grandes problemas da nosa benquerida terra é
precisamente o dos localismos exacerbados que non levan a nengures. Podo
entender unha sana competencia que leve a sacar o mellor de cada cidade, pero
non a unha xenreira destrutiva.
Entendo que todo isto ben sobre
todo do franquismo, onde devandito cabeza do réxime vinha pasar os veráns perto
da Corunha, no Pazo de Meirás. A pegada que deixou na percepción da cidade
perdura ata hoxe, e un exemplo moi absurdo diso foi a negativa de Javier
Clemente a ir praticar golf no campo de golf da Corunha coa excusa de que
Franco xogara alí de cote. A pregunta é, ¿Señor Clemente fai vostede o mesmo co
campo de golf donostiarra onde tamén veraneaba e sen dúbida xogaba ao golf?
Por suposto que non vou negar a
dura realidade de que nas cidades meirandes de Galiza falase moito máis
castelán que galego. Por moitas razóns. Presenza de foráneos que non falan a
lingua, cousas do éxodo rural onde moita xente asimilaba o galego á dura vida
na aldea, a diglosia, a autoxenreira, en definitiva. Innegabel que iso é así.
Ogallá A Corunha fose a gran excepción, pero isa é a realidade doutras cidades
galegas, guste ou non. Leve quen leve a sona.
Pero a minha cidade tamén é a
cidade da Cova céltiga, e quen queira ver sobranceiros personaxes da nosa
cultura que non están no Panteón de Galegos ilustres, ten que pasar por San
Amaro onde (entre outros) atopará os restos de Pondal, Curros e Murguía. Pondal
e Curros pediron expresamente ser enterrados na cidade. O monumento a Curros
(que estaba destinado a ser o seu túmulo) é obra do escultor Asorey, e o seu
cortexo funerario ata o cemiterio corunhés foi seguido por centos de persoas. O mesmo Curros
dixo:
Ouh meiga cidá da Cruña
cidá da
Torre herculina
De xeracións recordo
máis fortes q'as d'hoxe en día
Cidade na que tamén viviu Rosalía varios anos. Que salientou no tempo
das irmandades da fala e foi unha cidade sobranceira nos primeiros movementos
galeguistas, especialmente no século XIX porque non imos negar o papel que no
século XX desenrolaron primeiro Ourense como foco da Xeración Nós, e logo Vigo
nos tempos das primeiras editoriais en galego cun residente tan importante como
era Don Álvaro Cunqueiro.
Levo toda a vida defendendo a miha cidade de prexuizos que salientan só
unha parte da realidade, i esquecen as profundas raíces galegas da terra que
gobernaba Breogán, e dende a que unha manhá sen néboa os celtas descubriron
Irlanda. Porque precisamente a orixe da torre de Hércules foi un dos debates
máis interesantes do noso Rexurdimento, inspirando mesmo un poema satírico de
Francisco Añón dicindo que non a construiran nen os celtas, nen os romanos, nen
gregos nen fenicios, fora construida…polos canteiros!
Na excursión de fin de curto de 8º de E.X.B. (fin da primaria daquela) fun
cos meus companheiros de Franciscanos a Toledo, Madrid e Salamanca. En Madrid
estivemos un par de noites nunha pensión da rúa do Príncipe, perto da Praza de
Santa Ana. Non sei si foi a primeira ou a segunda noite, outro colexio galego (da
Marinha) aloxouse na pensión. Non lembro ben si eran de Ribadeo ou Viveiro,
pero cando fun á habitación duns companheiros un deles estaba un pouco abraiado
porque vinhan de dicirlle, cando falando con eles dixo que eramos da Corunha,
que na nosa cidade non sabiamos falar galego. Saín inmediatamente á fiestra a
chamalos de todo en galego. O curioso é que aos cinco minutos veu o seguridade
da pensión é díxome: Mira rapaz, eu non tenho nada contra ti, pero si volto
escoitar a túa voz berrando polo patio dormes na rúa.
Non tiven outro remedio que calar, pero non foi a única vez. En
campamentos, excursións,... mesmo fora de Galiza dicir que vinha de onde vinha
cambiaba caras e actitudes de xente, o cal paréceme moi inxusto.
O meu avó materno era da Corunha ao cento por cento. Dunha familia do
Martinete, xunto a Mesoiro e perto de San Vicente de Elvinha, no antigo
concello de Oza. O seu pai era de Vilaboa no concello de Culleredo. E o meu avó
falaba só en galego. A minha nai é corunhesa, nada e criada na nosa común cidade (filla de
nai ourensá, do fermosísimo concello de Allariz) e pensa en galego, que tamén
usa de cote. A minha avoa paterna é de San Xosé, entre Meicende e o
Ventorrillo, e a súa língua é claramente o galego.
Rosalía de Castro no seu prólogo de Cantares Gallegos agradecía á
escritora Fernán Caballero que se desmarcara nos seus escritos dos topicazos
que outros escritores esaxeraban dando mala fama á Galiza e os seus habitantes.
Eu agradezo que a xente denantes de caer en xeralizacións absurdas asuma que na
Corunha hai galegofalantes fachendosos da súa língua e cultura. Que a cidade
tivo moito peso no rexurdimento, e que deu moitas das figuras sobranceiras da
nosa cultura.
Entendo que moitas veces son os propios habitantes da cidade os que dan
isa imaxe. Entendo que o Vazquismo fixo moito dano niste sentido. Pero non deixen
que ninguén fale en nome dun colectivo de casaque 250.000 persoas, con
distintas circunstancias e ideas. Moitos deles profundamente galeguistas, e
profundamente corunheses.
No hay comentarios:
Publicar un comentario