Hai 10 anos a nova da prematura morte da poeta Xela Arias sorprendía ao mundo da cultura
galega. Falecía nova de máis, 41 anos, dun xeito inesperado e ademáis nunha
data próxima a do pasamento doutra poeta nova, Luisa Villalta. As reaccións
foron moitas e moi positivas, loubando a calidade da súa obra. Entre quen manifestou
admiración polos seus versos estaban
(entre outras) as escritoras María Xosé Queizán e Chus Pato. Esta derradeira
considerada companheira de Xela na xeración dos 80.
A poética de Xela salientou pola súa orixinalidade. Despóis da Longa noite
de pedra de Celso Emilio e a Pólvora e magnolias de Méndez Ferrín, a poesía
galega apartaba un pouco a denuncia para xogar coa súa creatividade. E unha das que abriu caminhos nise sentido
foi a nosa poeta. Aínda que gran conhecedora da cultura galega por vínculos familiares (o seu pai
foi un importante directivo da Editorial Galaxia ) tamén recibe unha forte
influencia da literatura estranxeira. Boa traductora de obras á nosa língua
(Castelo Branco, Joyce ou Fehnimore Cooper entre os escritores que traduciu) a
literatura contemporánea é unha clara influencia no que escribe. Pero si algo
caracteriza os seus versos é a súa liberdade creativa, e a súa honestidade.
Un bó poeta chega ata a sentir un certo pudor de compartir a súa obra máis
persoal ou intimista. Moitos escritores no pasado levados por ise pudor pediron
que se destruira parte da súa obra inédita (Rosalía é un exemplo disto). Pero
na súa modernidade Xela chegou mesmo a espir físicamente nas fotografías que
ilustraron o seu libro Tigres coma
cabalos , obra do fotógrafo Xulio Gil (que era a súa parella).
Eu conhecina precisamente porque alguén moi próximo tivo que facer un
traballo sobre ela nunha materia de doutorado na Complutense, e boiteille unha
man para traducir do galego. Disfruto da poesía pero non tenho disciplina
dabondo para ler poemarios enteiros. Só acadeino con Rosalía, Lorca e
Baudelaire…e con Xela Arias. Os seus poemas adoitan ser curtos, tremendamente
intensos e moi orixinais. Quedei abraiado vendo expresións como tododiós nun
poema. Pero os seus versos sacaban a beleza do inaudito.
Sorprendeume o persoal, ata certo punto a linguaxe un pouco críptica da
poeta. Pero ela mesma entrega un mapa para percorrer os mundos dos seus versos
sen pérdida. Nos seus temas, nas súas expresións, na sintaxe da súa obra. En
especial dúas figuras que se repiten, que para ela tenhen un significado
particular. Auga e animáis, mesmo criaturas fantásticas. A auga é o amor que
sacia a sede ou arrasa ciudades, os animáis son a liberdade a lombos de quen
fuxir da dura realidade. Da sociedade que aliena aos individuos.
Os seus versos son un berro de liberdade, liberdade na puntuación,
liberdade nas maiúsculas, na métrica, pero sobre todo nos temas e o xeito de
expresalos. O continente sublimado polo contido. E verdades que golpean ao
lector, dun xeito fermosamente prosaico.
Xela publicou catro poemarios. Denuncia do Equilibrio (1986), Tigres coma
cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Aínda permanece
inédito o poemario Lili sen pistolas que quedou finalista do Esquiu de poesía e
aparentemente non convencía moito á súa autora. A evolución que vemos dende o
primeiro ata o derradeiro é sobre todo na forma. Comeza cunha liberdade de
formas caseque total ata rematar nos poemas-rap de Intempériome, onde cada
sílaba constrúe un verso. Amor, liberdade, alienación, morte. Descritos,
cantados, chorados e ridos como só a sensibilidade dunha muller da súa cultura
podía escribir. Reivindicando a profundidade do individuo frente o ruido das
masas.
Falaba do seu carácter de precursora, de abridora de portas, exploradora de
caminhos que a seguinte xeración de poetas (Yolanda Castaño, Enma Couceiro ou
Olga Novo, entre outras) seguiron. De feito chegou a coincidir con elas nun
traballo colectivo de poetas galegas homenaxeando a Rosalía.
É un pouco tópico dicir que o galego é unha lingua moi lírica, feita para a
poesía e que deu grandes poetas tanto mulleres como homes, porque non podemos
esquecer a Celso Emilio ou Manuel María entre outros. Pero é innegable que as
voces femininas salientan dun xeito especial nas nosas letras. Nunha terra
matriarcal, de mulleres fortes, a poesía e fermosa pero tamén auténtica,
sincera. Mulleres que falan de si, en feminino singular, pero dando voz a
moitas outras mulleres como elas, que poden sentir parecido.
Sinto algo de vergonha de non tela conhecido en vida, e ter que conhecela a
través dunha profesora da Complutense. Pero despóis de ler a súa obra, aprendín
a ollar doutro xeito a poesía contemporánea, e mesmo levoume a replantexarme
cousas a nivel creativo. Ainda así confeso que mantenho a mina preguiza no
tocante á poesía. De cando en vez leo algo pero son un devorador de narracións.
Por sorte a poesía e a música en Galiza tenhen unha relación estreita, e moitos
bos poemas rematan sendo boísimas cantigas. Polo momento non sei de nengún
músico que tenha creado partindo da obra de Xela, pero coido que algún proxecto
contemporáneo encaixaría moi ben coa súa obra atónica, explosiva e sincera.
Hai rumores de Día das letras galegas tanto para ela como para Luisa Villalta.
En cinco anos ambalas dúas cumplirán o requisito de levar 15 anos lonxe do
mundo terreo. Por unha banda é interesante que tanto os rapaces nas escolas,
como o público en xeral por fin lean sobre poetas contemporáneas en troques de
antropólogos do franquismo. Por outra banda é unha mágoa que dúas carreiras
brillantes e dúas mulleres novas murcharan dun xeito tan precipitado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario