Ainda é de noite, o lume do facho move na dirección do vento e de cando en
vez saltan faiscas. Pecha os ollos con noxo e fastío. Non está afeito a ter que
bulir as agachadas, el que sempre entraba ou saía das cidades con gran pompa.
Pero tinha que facelo así, con discreción, amparado pola escuridade da noite
porque un rei non fuxe á luz do día. A desacougada superficie do mar non é a
planicie de Castela, pero non lle queda outra saída. O barco agárdao non lonxe
da beira, coas reais galas discretamente
agachadas. O bote abala e roza os cons. El está parado nos chanzos polos que
baixou da muralla da cidade , ata que o axuden a subir sen sufrir a indignidade
de caer. Reservanlle un asento confortable no bote e cando acomoda alguén da a orde de remar. A barca abala, e
pensa que ese mar desacougado semella unha metáfora da política do seu reino,
dividido e alporizado.
As súas fillas xa están no barco, de feito só agardan por el para levar
áncoras e partir rumbo a Baiona, a negociar coa corte de Inglaterraa axuda na súa lexítima loita por manter o trono
herdado do seu pai. Sube pola escada ao barco onde o capitán recíbeo coa debida
cerimonia, mesmo na fuxida, mesmo na escuridade vergonzante da súa fuxida,
segue a ser El-Rei.
Olla á terra que vai quedando lonxe, non sabe si abraiado de que a cidade
non afunda no mar, que a terra se laie de quedar sen senhor. ¿Será un bó agoiro
a prácida alborada que o despide da costa galega? ¿Será que o pais no fondo
recibe con ledicia o quedar en mans dun novo senhor? ¿Tería do seu lado á providencia
ou sería un proscrito tamén no alén despois de ter mandado a morte do arcebispo
de Santiago denantes de fuxir?
Eses chanzos mollados foron testemunha de cómo Don Pedro I, rei de Castela
e León viaxaba á corte de Inglaterra para pedir axuda económica e apoio militar
a Eduardo, príncipe de Gales, máis conhecido como o Príncipe Negro. O fillo
mais vello de Eduardo III de Inglaterra tinha sona de afouto guerreiro. A axuda
inglesa veu tras dun tratado no que o deseperado rei comprometía a ceder terras
a Navarra e Inglaterra a cambio de axuda.
Despóis diso, veu a inicial
victoria de Náxera, e a derrota e a morte en Montiel.
As fillas que foran co seu pai á corte inglesa quedaron nela, e casaron con
dous dos fillos de Eduardo III. Constanza casa con Xoan de Gante, Duque de
Lencastre e Isabel casa con Edmundo de Langley, duque de Iorque. Beatriz, a filla máis vella (i herdeira) de Don Pedro
morre o mesmo ano co seu pai, e non é ningún segredo que o ambicioso Xoan de
Gante casa coa seguinte da lista para reclamar o trono do defunto sogro. Carto
fillo varón de Eduardo III e Filipa de Hainaut non ten moitas posibilidades de
acadar o trono, pois entre el e o herdeiro hai ainda outro irmán, Guillerme de
Hatfield, polo que os seus pais cásano co mellor partido de Inglaterra, a súa
curmá Branca de Lencastre, filla do duque máis rico do reino.
Xoan é alcumado de Gante por ter nacido nesa cidade flamenca. É un dos
homes máis ricos de Inglaterra e disfruta dun cómodo estilo de vida, vivindo en
varios castelos da súa propiedade. Pero a diferencia do seu pai e irmán non
ganhou nunca unha soa batalla. Pero non por iso deixa de ser ambicioso. Anos
despóis de casar coa Infanta Constanza ambolos dous embarcan cara a península
ibérica para reclamar o que consideran o seu lexítimo trono. Desembarcan na
Coruña, e suben os mesmos chanzos mollados que baixara Don Pedro anos antes.
Pero agora son aires de conquista os que sopran sobre a cidade, e non sombras
de humillación.
O duque e Dona Constanza conquistan A Corunha, Santiago, Pontevedra e
Ourense onde deciden instalar a súa corte agardando a que remate o inverno, e a
unir as súas forzas ás tropas que envía o rei de Portugal para axudalos na súa
ofensiva para recuperar o trono perdido. Non queda moi claro ata que punto as cidades
galegas renderon ao poder militar dos Lencastre, ou se pola contra os moitos
partidarios de Don Pedro que aínda quedaban na nosa terra acolleron as
pretensións do home da herdeira do antigo rei. Embora houbo conquista e
violencia en Ribadavia, onde a importante poboación xudía sufreu o saqueo por parte das tropas inglesas, non se
sabe se por cobiza ou antisemitismo. Esa polémica pola facilidade con que
moitas prazas galegas foron rendidas ao duque supuxo a expulsión das súas
terras de moitas familias nobres locais, como a familia que rendeu o Castelo
de Monterrei ao Lencastre, dun xeito doado de máis para o goberno trastamarista.
Esa familia, refuxiou en Portugal, e o seu apelido era Camoens. Un dos seus
descendentes sería o famoso poeta Luis de Camoens. Outras familias foron
privadas dos seus senhoríos por amosar lealdade á vella dinastía, e foi o
comezo da decadencia da literatura en galego, en especial da lírica.
A pesares das derrotas militares que sufriron o duque e a súa dona, polo decidido
apoio do rei de Portugal (que casou cunha filla do primeiro matrimonio do de Gante)
e as simpatías ca súa causa aínda espertaban, mantiveron teimudos as súas
reivindicacións. Finalmente as partes chegaron a un acordo e a man da única
filla dos duques foi concedida ao herdeiro da coroa de Castela. Catarina de
Lencastre casou co que sería Henrique III, e solventou a disputa dinástica. E
curioso ver como na lápida da súa tumba na capela dos reis novos da catedral de
Toledo a rainha Catarina reivindica ser
neta do xusticieiro rei Don Pedro e de Eduardo de Inglaterra.
Se unha irmá resolveu o pleito dinástico casando a súa filla co herdeiro da
dinastía rival, a outra irmá, Isabel fixo xusto o contrario pero en Inglaterra.
Posto que, a pesares de que o seu matrimonio co Duque de Iorque non foi unha
unión feliz, foi a fundadora da rama Iorque da casa real inglesa (a rosa
branca) e o seu bisneto reinaría como Eduardo IV. Ainda que precisamente a rama rival sexan os Lencastre (a rosa vermella) descendentes do primeriro matrimonio do duque.
Esta historia medieval lémbranos o peso e influencia que a nobreza galega
tinha na política castelá, así como o valor estratéxico da nosa terra en
disputas políticas desa era. Tamén a curiosa relación que no Medievo tiveron
Galiza e Inglaterra tanto no comercial como no político. Dende Guillerme o
conquistador ata o devandito duque de Lencastre. Eses mesmos chanzos mollados
viron partir cara a Inglaterra a Catarina de Aragón para casar co príncipe de
Gales e a Felipe II para casar coa súa filla, María Tudor. Tamén veron partir a
Carlos V rumbo a Alemanha para ser coroado emperador.
Eses chanzos mollados atopanse no que hoxe é a Porta de San Miguel nun dos
poucos fragmentos supervivintes da muralla medieval da Corunha, construida en
tempos de Henrique III, que casara coa filla do duque que os subiu con
ánimo conquistador e neta do rei que os baixou a procura de axuda na súa
desesperación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario