sábado, 21 de diciembre de 2013

Fardel de exiliado




Esta semana saltou a polémica polo anuncio de Campofrío, que na mesma linha de anteriores anos polo Nadal ten humoristas que pretenden dar unha mensaxe de esperanza. O lema é faite estranxeiro, e unha fantástica Chus Lampreave sopesa que nacionalidade coller porque ser espanhol é unha vergonha. Coller unha desas nacionalidades vaite facer mais rico, organizado, etc. A conclusión final é que non paga a pena porque os espanhois seica somos máis espontáneos, e temos os mellores bares de Europa.

As reaccións son moitas e moi extremas. Dende xente que atopa a ocurrencia tenra e doce, nesta época de familias unidas e felices, ata outros que consideran que é o enésimo intento de correr un velo de pailanismo sobre os males do pais, recorrendo a unhos cantos lugares comúns.

Neste ano que remata venho de unir á multitude de xente que deixou o pais. No meu caso non por desesperación, senón por circunstancias persoais e non económicas. Trasladeime dentro da empresa na que traballaba perto de Madrid, pero xa estaba nos meus plans mudarme a terras británicas. Eu xa vivira en Londres hai once anos, e unha morriña perpetua lembrábame a cidade constantemente.

Foron, principalmente circunstancias persoais, a necesidade de pasar páxina tras rematar unha etapa nunca cidade na que de súpeto non tinha sentido quedarme. A opción natural foi voltar á minha patria escollida. O pais ao que adaptara tan ben no 2002. Levo xa 6 meses, e entendo o sentimento inicial do que fala o anuncio, pero non o final. Non sei se a distancia da obxectividade, si a xente no pais prefire obviar a realidade, pero eu alporizo con cada nova que chega ata min a propósito da corrupción e as declaración sempre sobradas dalgúns membros do goberno, e o partido que hai detrás del. Como os mesmos que recurtan en sanidade, educación e cultura, os mesmos que presentan como luxos conquistas sociais que levou séculos acadar, como esa xente que ten os presupostos reducidos a zoa de guerra, sube os seus propios soldos e os dos seus asesores e colaboradores chegando a duplicar e mesmo triplicar a cifra orixinal.

En momentos como ise non sinto expatriado, sinto directamente exiliado. E non só non arrepinto de ter bulido, senón que directamente penso en como puiden tardar tanto en facer as maletas. Non digo que o país no que vivo agora sexa perfeto, ou non tenha as suas cousas por mellorar. Pero dende fora podo ver claramente a idea da decadencia na que caeu Espanha. Como todas as instancias do estado, a banca e empresa son só pantallas para cubrir o lixo que hai detrás. Como a xente que medrou provocando a crise sigue a sair impune e a enriquecerse, namentres tanta xente vive na beira da necesidade ou ten que sair.

Porque moitos sairon, non por espirito de aventura, senón porque non lles quedou outra. Eu son un privilexiado e non me queixo, pero estou de acordo co que dixo Fernán Gómez de que en Espanha non só fallan os que mandan, senón tamén os que obedecen. Porque chegarán as vindeiras eleccións e o prepotente partido que goberna con maioría absoluta vai revalidar esa maioría absoluta, para vender como luxos e agasallos do sistema servizos que pagamos cos nosos impostos. Para non facer a necesaria reforma no sistema político, para que sexa administrado de xeito eficiente i equitativo o dinheiro público, creando riqueza e benestar social en troques de desigualdades e privilexios. Porque se non hai cartos para a escola pública, non pode haber axudas para a privada.

Un dos maiores productores de perlas deste goberno agresivo cos cidadáns que ten ao seu cargo, o ministro de educación de infausto nome, o señor Wert, dixo que os estudantes non poden estudar o que lles apetece. Senhor Wert, hai décadas que algúns xa o fixemos. Eu estudei dereito en troques de Historia da Arte, porque das carreiras de letras era a que supostamente tinha máis saída. Tenho traballado de todo, menos de avogado, porque honestamente ter estudiado os meus dereitos de xeito tan teimudo para que logo alguén limpie con eles as súas partes, non pagándome durante dous anos de pasantía, e logo dándome un soldo de caxeira de supermercado por un traballo escravísimo ao que lle hai que adicar moitas horas, mais das 8 horas de oficina doutros traballos, non estaba nos meus plans.

Algo cheira a podre, e non hai que ir a Dinamarca, e tampouco falo das rúas de Madrid, cargadas de lixo hai tan pouco tempo. Os mesmos que ían chegar rexenerar o maltreito estado por mor da famosa herdanza recibida, levan gobernando de xeonllos cara a os fortes e con dureza con quen máis precisa da súa axuda.  Así que non é doado sentir fachendo por un país no que a clase media está depauperada, pero hai máis ricos ca antes da crise. E un pobo que admira esas conductas delictivas e chulescas de pelotazo e sobres que rematan en contas suizas. De inxenuidade vestida de Louis Vuitton, e contabilidade despistada.


Un pais onde dende esta semana parece que tes máis dereitos antes ca despóis de nacer. No seo materno es valiosísimo, e fora del de súpeto xa non tes dereito a unha educación completa se non podes pagala, a ser protexido si tes a mala sorte de estar nunha beira desafortunada da sociedade, a unha boa sanidade onde nos escatimen en medios para salvala túa vida por unha cuestión de orzamentos, a expresar a túa opinión e contestar as políticas do goberno dende a rúa nun exercicio de sá rexeneración democrática. Ise pais hoxendía é Espanha, i eu non sinto o menor fachendo por el, nen a menor tentación de voltar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario