Volvo despois dunha ausencia de caseque un mes, porque ás veces a realidade
non nos deixa tempo para a imaxinación, ou forzas para deixarnos levar por ela.
De todos os xeitos, na primeira entrada do Blog comentei que ía falar da minha
experiencia como escritor en lingua galega, en primeira persoa, e as veces dame
medo adicarlle todo o meu tempo creativo a este blog. Porque como dixo Picasso,
as musas tenhen que atoparte a traballar.
O título do blog non se refire a este tempo alporizado que temos tanto no
meu pais de adopción (inundado por moitas partes) como na nosa Galiza, onde
moita xente está farta de tanto vento e
chuvia. O título fala do (afortunadamente exitoso) libro do mesmo nome escrito por Manuel Gago e
ilustrado por Manel Cráneo. Tenho que dicir que de rapaz devecía por un libro
como ise, aínda que máis vale tarde ca nunca.
É moi positivo que os rapaces tenhan un xeito atractivo de aprender
historia da man dun experto. Que alguén que participa en moitos proxectos de
recuperación e catalogación do patrimonio tenha tamén a creatividade de contar
isa historia, soterrada, agardando o seu momento. Como os devanceiros dos que falaba Risco no
seu conto A trabe de ouro e a trabe de
alquitrán. Dar voz a todas esas forzas da natureza que adoraban os nosos
antecesores. Non só as grandes forzas da natureza, senón eses xenios locais,
esas deidades menores que bendecían unha terra concreta, como un regato ou unha
fraga. Ise espirito calado mais contundente que semella xogar connosco, ás
veces ao noso favor, outras en contra nosa. Esa relixión animista, de natureza
viva e con vontade que os galegos se cadra nunca deixamos de practicar. Ise
animismo deplorado nos seus sermóns por San Martín Dumiense no século VI da
nosa era, porque os galegos daquel tempo
aínda adoraban fontes, pedras e árbores. Mantiñan o espírito pagano
irredento por baixo da coda cristiana.
Hai poucas semanas volvín a Galiza despois de caseque sete meses de
distancia, os primeiros e complicados meses asentando en Inglaterra, botando
raíces, atopando o meu lugar. Entre as cousas que fixen, aparte de pasar tempo
coa familia e amigos e descansar, comprei o libro e quedei abraiado coa
calidade das ilustracións, pero tamén co xeito en que Manuel Gago fai que
semelle doado escribir sobre mitoloxía galaica prerromana. Como as historias
deses deuses doutrora semella tan connatural á nosa terra. Mesturando as
criaturas mitolóxicas cos pobos que históricamente poboaron este recuncho noso.
E quen non sinte no fondo a sua presenza
na grandeza das fragas do Eume, gardando o Dolmen de Dombate o na teima dos
monxes que sementaron a máxica Ribeira Sacra de mosteiros e igrexas?
Ademáis, a parte
creativa parte sempre de evidencias científicas como aras, esculturas ou
inscripcións atopadas tanto en Galiza
como no norte de Portugal. Gago da voz a eses guerreiros de pedra que ollan
para nós con ollada feroz (ou mesmo sen cabeza). Deuses e deusas con nomes
rotundos e sonoros como Reue, Bandue, Cossue, Nauia, Lugoue, Poemana ou
Bormánico, entre outros.
Pareceume moi
interesante unha anécdota sobre o proceso creativo que o propio Manel Gago
colgou en redes sociais onde ten perfil. Contou que descubriu a imaxe dun deses
deuses nunha igrexa do norte de Portugal onde acaba de aparecer unha
representación de pedra agochada durante séculos nunha igrexa. Como o
sorprendeu a forza desa imaxe.
Gustoume o que
comentou Gago de que a orixe destes contos están nos que el lle contaba ao seu
irmán sendo cativos. Como en certo xeito escribiu as historias que lle
interesaban como lector. Por sorte parecen interesar a moita máis xente. Alegro
moito de que este proxecto tenha sido un éxito dende o comezo. Dende a súa
multitudinaria presentación na Igrexa da Universidade en Compostela (con
actores caracterizados das deidades protagonistas) ata as máis modestas
presentacións en vilas galegas. É unha boa nova que un proxecto editorial en
galego esgote a primeira edición tan rápido como o fixo este libro. É positivo
que ademáis sexa material dirixido a rapaces, que deste xeito collen hábito
lector neste mundo audiovisual de noso. E o máis importante, que dea a conhecer
tanto a rapaces como a adultos unha parte esencial da nosa historia. A cultura
castreña está no celme da nosa cultura. Despóis pasaron outros pobos que foron
deixando a súa pegada, pero o substrato, o alicerce da nosa cultura (mesmo
influíndo na nosa lingua romance) é a cultura desde homes e mulleres que os
románs presentaban como terribles e teimudos guerreiros de hábitos toscos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario