Cando comecei este blog dixen ser un escritor en galego, pero polo de agora non tinha amosado o meu trabalho. Velaí vai o meu primeiro conto que foi publicado. Apareceu no número 8 da revista Madrygal de estudos galegos, correspondente ao ano 2005. Publicación que sae anualmente do Departamento de linguas románicas da Universidade Complutense (da que son fachendoso licenciado). A revista publicou outro dos meus contos anos despois. Este material, aparte de ter sido publicado, está rexistrado no rexistro da propiedade intelectual. Velaí vai o conto. Espero que vos guste.
JOHNNY “O
IRLANDÉS”
Era
irónico que alguén como Johnny vivira nunha cidade como Ferrol, ateigada de
militares, que non aturan a xente coma el. Un individuo lacazán, desaseado,
ácrata e violento. Dominado por unha violencia erma e gratuíta. De todos os
xeitos, a pesar de ser moi soberbio e despreciativo con aqueles que non eran
como el, tamén era moi sociable e afectuoso, mesmo querido. O que entraba na
súa tasca sabía o que había. Mal viño e peor comida, mais tamén putas.
Gustáballe
contar a súa vida, sobre todo a rapaces, máis impresionables ca xente da súa
idade. Sentía moi fachendoso da súa existencia excesiva e vulgar, cun forte
cheiro a brutalidade. Cando alguén novo facíase parroquiano do seu local
gustáballe invitalo a beber, e cando os seus folgos fedían a viño máis do habitual,
comezaba a súa historia, mesturándoa con xordas gargalladas onde amosaba as
súas enxivas espidas.
Johnny
era, entre moitas outras cousas, irlandés. Alí comezaba a súa historia, de sancristán
nunha pequena igrexa nun pobo. Iso facíalle moita gracia, suliñaba moito o de sancristán,
como se aínda o fose. Como se todos os sancristás fosen como el.
-Eran
tempos de fame, e neses tempos axuda moito estar preto dun cura.-Voltaba rir a
gargalladas.
-Daquela
morreran moitos e os cemiterios practicamente reducíanse a foxas comúns. Como sancristán
tocábame a tarefa de tocar as campás nos enterros.
Pero
os ricos non sofren tanto as fames, se cadra perden cartos, mais seguen a vivir
sobradamente. Un vendedor de cabalos casaba á súa filla cun bo partido dun
condado veciño e celebraba a voda na igrexa onde eu era sancristán. Fora un
matrimonio moi importante, porque só o traxe da noiva, feito de encaixe do país,
aliviara a fame de varias familias. O pai da noiva ademais ía repartir parte do
convite cos famentos aldeáns da bisbarra. Era unha data alegre en medio de
tanta miseria.
Mesmo
eu estaba convidado ao gran banquete. Xa dixen que neses tempos estar preto dun
cura é de moita utilidade.-O sorriso e as porcas enxivas voltaban aparecer.
-Pero
un pequeno incidente veu estragar a festa porque, rematada a cerimonia, ao
tocar as campás, levado polo costume, toquei a morto no canto de campás de
voda. Os que estaban no adro e arredor da igrexa, pasada a sorpresa e
comprendida a situación comezaron berrar. Os que estaban dentro non tardaron en
saír e unirse aos berros de indignación, ameazas e insultos. Pensaron que dese
xeito botaba unha maldición sobre a parella.-
Johnny
bebeu un grolo reflexivo, algo pasmado o ollar e unha expresión divertida nos
beizos.
-A
noiva, lonxe de chorar, era a que máis berraba. É moi curioso ver como unha
nube de encaixe xura como un animal sen educación.
Non
tiña moi boa pinta aquilo, e mesmo cando toquei campás de voda, semellou
empeorar. Así que, como tiña moi claras as miñas perspectivas, saltei dende o
teito da igrexa a un cabalo dos que había por alí. Piquei esporas e desaparecín
terra adiante, entre as fragas, cos seus berros enfriando a miña caluga.
Tiña
claro que había que fuxir, non só do pobo, tamén do país. Así que fun cara ao
mar e subín a un barco que ía ata Cornualla. Baixeime nun pequeno porto e de
alí fun á cidade de Exeter.
Naquel
pais non había tanta fame, aínda que si os mesmos vicios. Sempre tiven claro
que tratar con putas é moi beneficioso para un home. A desprezativa sociedade
prívaas do mínimo que concede a unha muller, o respecto que lle debe un home.
Deste xeito quedan desamparadas fronte aos cabróns que as ameazan, chulean e
violan.-
Johnny
era quen de facer todo iso, non era o típico violento covarde. Era peor, un
violento temerario.
-Aquel
rendible negocio dábame para unha boa vida. Mais axiña, cando cheguei ao máximo
que podería acadar, atopei ese teito baixo. Abondo, pero eu prefería que
sobrara.
Daquela
mudei para Brighton, onde as perspectivas eran moito máis atractivas. Collín as
dúas rapazas máis prometedoras do vello negocio para comezar o novo.
Alí
non foi complicado recrutar máis rapazas, e alugar un local. As miñas putas atraían
unha clientela moi boa. Os vellos fidalgos devecían por aquelas campesiñas,
desaseadas e brutas. Os burgueses preferían as refinadas rapazas de Hélène
Brandt, que recibía nunha elegante mansión cun templete de aire chinés no
xardín. Eu non disfrazaba nen ennobrecía o asunto.-
Gustáballe
lembrar a aqueles linaxudos bébedos e burlados polas súas putas. Especialmente
aquel día en que Alistair Cowes, que tiña os nomes de tódolos apóstolos e os
apelidos de tódolos duques, revolcouse na lama porque Johnny non o deixou pasar.
-Pagas
moi mal, Alistair, para o que pides. Gasta menos en cervexa, ou dille a túa nai
que che dea máis.-díxenlle.-As rapazas riron como pegas ollando polas fiestras
do prostíbulo ao fillo de lady Vinegar, coa súa roupa de dandi, emporcada coa
lama do camiño. Alistair choraba, quizabes agardando a que milady Cowes o fora
recoller e o agarimase.
Estiven
enredando con el un pedazo, era demasiado doado e divertido, aínda que logo
cansamos do patético vicioso, e entramos facer cousas máis productivas.
O
rapaz seguiu choromicando e retorcéndose no chan entre a lama i excrementos de
bestas. Estivo alí ata que un parceiro de Lady Vinegar recoñeceu a aquel
proxecto de home e levouno onda súa nai. Pasámolo moi ben, pero pagámolo caro
tamén.
A
tal Lady Vinegar estaba moi ben relacionada.-Johnny voltou rir.
-A
Lady Cowes non lle gustaba nada que lle chamasen Lady Vinegar. Pero todos
facíano no lugar, as súas costas por suposto, pero ela sabíao.
Chamábanlle
así pola súa linaxe antiquísima, aínda que tamén pola súa pel insanamente branca.
Diríase que bebía vinagre. Tamén o seu carácter facía honor ao alcume.
Aquela
vella fría conseguiu que me pecharan o local. Eu fun ao cárcere e as rapazas a
un centro de caridade, deses que poñen as mulleres para que os seus homes non
teñan putas coas que foder.
No
cárcere non estiven moito de tódolos xeitos.-dixo Johnny despois dunha pausa
mesta digno do borracho que era-. Así que cando me soltaron collín un barco en
Plymouth e cheguei ata eiquí.
-Sempre
fuxindo, Johnny.-
-Sempre,
mais non me arrepinto, porque eu fuxo cara adiante. Avanzo, melloro. Xa ves,
rapaz, comecei entre curas e rematei entre putas. ¿Non foi ese un bo avance?.-
http://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/MADR0505110161A
No hay comentarios:
Publicar un comentario