Boas, e grazas pola curiosidade de ler as miñas liñas na blogosfera. Este blog chámase así por unha expresión que o meu avó usaba moito, e que a miña nai (a súa filla) usa e aplica de cote na vida. Estamos en tempos escuros, onde a Crise xustifica todo tipo de abusos que hai anos terían sido obxecto de indignación e escándalo, e agora só xeran resignación e pasividade. Por iso hai que por a proa ao vento e resistir, agardando a que a treboada remate e a nosa dorna siga a flote.
Agora mesmo o feito de escribir en galego é caseque heroico, porque as axudas públicas á creación literaria en galego son tan mínimas que son caseque nulas. Mesmo un responsable de Cultura da Xunta tivo o cinismo de dicir que as editoriais terán que publicar só aquilo que sexa rendible. Afortunadamente hai autores galegos con talento dabondo para ter tirón de vendas como Manuel Rivas, Alfredo Conde, Diego Ameixeiras, Marina Mayoral, etc. O que é unha mágoa é que isa literatura máis minoritaria como poida ser a poesía ou o conto teña que quedar relegado a non publicación ou a publicación en pequenas editoriais que poñen a calidade por diante das vendas. Unha mágoa que o diñeiro dos impostos que pagan os galegos apenas apoie a creación na lingua propia de Galiza, e que sexa diñeiro privado quen manteña en pé o que é un dos meirandes valores culturais que ten a nosa terra, a súa literatura.
Son un galego que leva pouco máis dun mes vivindo no Reino Unido. Xa vivín aquí hai once anos, e quedei tan marcado pola experiencia que aquí estou de volta, despois de pasar todo ese tempo a vivir en Madrid. Dende a miña mocidade sentín o anceio de escribir, e de facelo en galego. De feito comecei a simultanear o castelán co galego nos meus escritos, ainda que a porcentaxe era de 2/3 do que escribía en galego e só 1/3 en castelán. Daquela fixen o que se supón que tes que facer cando queres ser escritor, e presenteime a varios consursos. Non acadei nada neles, e acabei canso do sistema, e decidín seguín a escribir coa idea de presentarllo directamente a un editor e convencelo coa calidade.
Aos 18 anos comecei unha serie de relatos nas que decateime do valor da nosa lingua. Moitos deles non están ambientados na Galiza. As súas historias pasan noutras terras, e mesmo noutros tempos. Dese xeito decateime de que o galego non vale só para escribir sobre Cospeito, senon que Viena, Capri ou Marte poden ser descritas en galego sen perder nada de interese e autenticidade. De feito así é como decidín pasarme ao galego ao 100%. O xeito que teño de probar a calidade do que escribo é lelo en voz alta. A sonoridade da nosa lingua, a sua fluidez e música de seu, fixeron a miña elección clara. Non por un tema político, senon estético. O que a súa beleza aporta a un texto non é doado de atopar.
No derradeiro ano a miña vida foi moi intensa, e a ratos complicada, e xaquelogo
Espero contar convosco e as vosas opinión para seguir adiante, e poñer contribuir nas miñas modestas posibilidades á pervivencia i evolución do legado que os nosos devanceiros nos deixaron para que o mantivesemos e enriquecemos para pasarllo as xeracións que nos sigan.
Parabéns pola iniciativa, alégrome moito. Será un pracer lerte, coma sempre.
ResponderEliminar