Temos unha imaxe do periodo medieval como dun tempo escuro e retrógrado
cheo de represión e crueldade. Obviamente as lendas sempre arrican dalgo real,
pero de cote esquecemos que toda escuridade ten as súas luces. De feito foi un
dos periodos máis esplendentes da nosa cultura, lingua e literatura. Un tempo
onde Galiza tinha un peso político i era berce de nomeados persoaxes. A nosa
historia de hoxe semella un conto medieval con donas vestidas de seda vivindo
en castelos. Só que non é un conto, senón unha historia real de dúas galegas no
centro do poder. Unha delas tinha unha coroa de pedra, a outra un elegante
pescozo de ave acuática.
Na catedral de Santiago hai unha capela esquecida, quizabes porque se atopa
na parte non pública (de pago ou parte do museo do recinto), a Capela das
reliquias. Como o seu propio nome indica é o lugar onde se gardan as máis das
reliquias que atesora a sé compostelá, alén das reliquias do apóstolo e os seus
discípulos, que tenhen unha cripta de seu. Pero esa capela non garda só osos santos,
senón tamén osos rexios, pois nela atopamos seis laudas graníticas con egrexios
ocupantes. Dentro de arcosolios nos muros están os sinxelos monumentos
medievais de dous reis, dúas rainhas e dous condes. Todos eles cun forte
vencellamento a Galiza. Os dous reis son Fernando II de León e o seu fillo
Afonso IX, o rei que mellor tratou á nosa terra. Os dous condes son Pedro
Froilaz, Conde de Traba, que foi titor e protector de Afonso VII “O Emperador”
e xunto co arcebispo Xelmirez un dos artífices de que fora coroado rei de
Galiza nesa mesma catedral, para evitar a tentación de negarlle os seus
dereitos fronte a un potencial herdeiro do segundo matrimonio da súa nai con
Afonso I “O Batallador” de Aragón. O outro Conde é Don Raimundo de Borgonha,
primeiro home da rainha Urraca e pai do emperador Afonso VII. As dúas rainhas
son Berenguela de Barcelona (muller do devandito Afonso VII, irónicamente
enterrado na catedral de Toledo malia o seu vencellamento con Galiza e a sé
compostelá) e Dona Xohana de Castro, segunda muller de Pedro I “O Cruel”.
Dona Xohana xaz adusta e discreta, as súas roupas non son diferentes ás de
outras donas de pedra que atopamos en igrexas galegas, pero unha coroa adorna a
súa testa para deixar ben clara a súa condición de rainha. Unha coroa completa
que salienta fronte a sinxela diadema que leva a efixie de Dona Berenguela, non
lonxe dela. Esta dona tivo unha vida excepcional. Filla de Don Pedro Fernández
de Castro (primeiro Señor de Lemos) casou co rei de Castela Don Pedro I
(conhecido como “O Cruel”, alcume da propaganda da vencedora dinastía de
Trastámara) que non tinha unha moi boa relación coa súa primeira dona, a
francesa Branca de Borbón. Membro dunha
familia da máis alta nobreza, Dona Xohana forma parte da corte onde pola súa
beleza chama a atención do rei, que é sabido non quere á súa rainha e ten
aventuras con donas. Pero os propios observadores contemporáneos din que Dona
Xohana é demasido senhora “para amiga” (é dicir amante ou favorita) e rexeita
calquera proposta do rei que non leve unha benzón polo medio. Este rexeitamento
para un home afeito a que se lle abran todas as portas, quizabes leve a que o
rei force aos bispos de Ávila e Salamanca a que declaren nulo o matrimonio con
Dona Branca e casen á parella en Cuéllar, na primavera de 1354 (un ano despois
de desposar á francesa). O curioso é que daquela Don Pedro xa está relacionado
coa que pasaría á historia como o seu gran amor, María de Padilla, pero prefire
casar con Xohana de Castro.
O matrimonio coa Castro non dura moito, hai unha lenda que asegura que
abandoaa o día seguinte da voda. Isa tese é un tanto esaxerada porque hai
descendencia do matrimonio. Hai quen asegura que foi debido a que o rei fora
excomungado polo Papa por convivir con Dona Xohana namentres a rainha Branca
seguía viva, e o pontífice non anulara o seu vínculo con ela. O feito é que
pouco despóis o matrimonio separa, e o rei concede á Dona Xohana varias vilas
coas súas rendas, entre elas a vila de Dueñas onde a nosa rainha con coroa de
pedra asenta sen permitir que ninguén esqueza que é soberana consorte de
Castela e León. O seu fillo Don Xohan de Castela é recoñecido posteriormente
como sucesor de Don Pedro despóis dos fillos que este tivera coa Padilla, e xaz
na catedral de Sevilla (os seus restos foron trasladados no século XIX despóis
da demolición do Convento de San Domingos en Madrid onde a súa filla fora
priora). O neto da egrexia dona, a pesares de ser bispo, tivo oito fillos de
dúas mulleres distintas, que casaron dentro da nobreza.
Dona Xohana pasa o final da súa vida en Galiza (a súa terra natal?) e á súa
morte foi enterrada no Panteón Real con honras de rainha. A pesares do seu alto
destinho non é moi conhecida, e non só pola súa condición de segunda muller dun
rei que a repudiou ao pouco de casar con ela. A salientable historia da nosa
señora de Castro quedou eclipsada pola aínda máis excepcional da súa medio
irmá, Dona Inés de Castro.
A sona da súa beleza, o seu colo de garça, e a lendaria paixón que por ela
sentiu otro Dom Pedro, un príncipe e despóis rei portugués, traspasaron fronteiras
espaciais e temporais. Fronte a sinxela e granítica tumba da digna Xohana, a
bela Inés xaz maxestosa encarnada en alabastro. Coroada por anxos, a súa beleza
retratada con fidelidade (segundo os que a conheceron) para que a posteridade
non a esquecera, e descansando no transepto da igrexa do Mosteiro de Alcobaça,
fronte a tumba de Dom Pedro, para que o día que esperten do seu sono no xuizo
final as suas ánimas se vexan antes ca ninguén.
A historia de Inés, coa vinganza de Dom Pedro sobre dous dos seus tres asasinos,
e a macabra imaxe (real ou non) da súa coroación despóis de morta, é un
indudable material literario. O seu monumento de pedra non é o único, pois
Camoêns (o máis senheiro entre varios poetas) celebra a súa nomeada beleza nos
seus versos. Guillén de Castro escribe unha traxedia sobre ela “Reinar después
de morir” e no século XIX trece óperas contan a súa tráxica historia (ainda que
ninguna delas forma parte do repertorio hoxendía e só conhécese a aria “Cari
giorni” da Inés de Castro de Persiani, rescatada pola mezzo Cecilia Bartoli).
Se moitos nobres poden presumir de ter por devanceira a Xohana, Inés pode presumir
de que dela descenden as familias reais de Europa. A súa filla Beatriz foi nai
de Leonor de Alburquerque que foi avoa de Fernando o Católico e bisavoa de
Maximiliano de Austria, a través da súa neta Leonor de Portugal. A través deles
o seu sangue entrou en tódalas casas reais a través de distintas xeracións.
A pesares de todo, a fermosa e brutalmente romántica histórica de Inés non
me xera tanta simpatía como o digno retiro da súa irmá. Mesmo escribín un conto
cunha visión un tanto irónica da súa morte. O que Xohana fixo lémbrame ao que dicía unha aristócrata
inglesa nun recente número da revista Tatler “unha vez casas cun duque, es
duquesa toda a vida, aínda que divorcies aos cinco minutos”. Decidiu disfrutar da súa condición sen
dramas, e voltou á súa terra ao final dos seus días.
O curioso é que Xohana non ten unha galeguidade tan recoñecida como a de Inés, e adoitamos ler sobre ela como unha dona
de orixe castelá. Dona Inés é considerada unha dona galega sen dúbida nengunha.
Fillas do mesmo pai, Xohana ten unha nai
castelá, Inés unha nai portuguesa. De Xohana non sabemos onde naceu, de Inés
cren que foi na Limia. De tódolos xeitos hai quen quere ver nos amores tráxicos
destas irmás medievais unha metáfora da relación de Galiza con Castela e
Portugal. Coma Xohana, Galiza é un antollo dun día para Castela, agasallo
esquecido ao pouco de o obter. Coma Inés e Dom Pedro, Galiza e Portugal teñen
un amor real pero cheo de obstáculos. Alén da historia e das lendas, as dúas
evitan ollar para nós dende as súas efixies de pedra, ollando teimudas ao ceo.
Curiosamente, séculos despóis é outra Castro a que nos esperta dun longo sono de
pedra velado nunha sepultura medieval. Pero, como dicía Conan, isa é outra
historia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario