sábado, 28 de septiembre de 2013

Demócratas



Recentemente a BBC emitiu unha serie de tres documentais sobre a relación entre as dúas maiores aportacións de Atenas á cultura occidental: democracia e teatro, que naceron ao mesmo tempo. A teoría que expunhan considera que xorden simultáneamente porque o teatro é un xeito de controlar ao goberno democrático. Pois a liberdade de expresión é imprescindible para que o sistema democrático estea sempre baixo control e non caia nos excesos da tiranía. Xa sexa a través das comedias de Aristófanes, ou das traxedias de Eurípides, dun xeito directo ou sutil os excesos do sistema e dos políticos eran satirizados ou expostos para a consideración do pobo . Por exemplo na súa famosa obra As Troianas Eurípides critica os excesos da guerra e as súas terribles consecuencias sobre os habitantes de zonas en conflicto. Pero non o fai en abstracto, nin denuncia os excesos cometidos moitos séculos antes en Troia, senón o ano anterior na invasión ateniense da neutral Illa de Milos, arrasada pola polis por querer permanecer neutral na Guerra do Peloponeso, e non apoiar á poderosa cidade de Atenea. A poboación foi duramente castigada despóis da conquista, sendo asasinados os homes e escravizadas as mulleres, como as dignas Hécuba e Andrómaca na obra do dramaturgo ateniense.

A pesares de que semelle que estou a esbardallar falo de democracia por unha afirmación contundente do actual conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, esta semana nunha entrevista en El Pais. O senhor conselleiro dicía sen asomo de dúbida que “os que se opoñen ao decreto do galego non son demócratas”. Completaba o piropo chamándoos mentirosos e ademáis dicindo que apoian ao terrorismo. Nin Dante fixo unha descripción tan apaixoada da súa adorada Beatrice. Tamén parapétase en que como eles tenhen a maioría absoluta, dalgún xeito están lexitimados a falar en nome da democracia, e a vergonzante minoría que non lles votou a calar e asumir a sabedoría que lles deu a vitoria nas urnas.

Voltando ao modelo ateniense, vemos que a liberdade de expresión é imprescindible para que o sistema estea engrasado, e vemos cos principais personaxes da política e vida ateniense están sentados entre o público e aplauden obras nas que son criticados dura e abertamente. Mesmo existe a lenda de que Sócrates levantou a aplaudir nunha pasaxe en que Aristófanes era especialmente irónico con el. Pola contra segundo o señor Vázquez un bó demócrata ten que calar a boquinha porque a maioría que votou a un partido é mais sabia ca minoría que non soubo ver as vantaxes de por no goberno a ese partido. É dicir, ise mecanismo imprescindible na Atenas de Pericles (onde a súa amante Aspasia era brutal e públicamente criticada) é inconcibible na democracia moderna onde os que non votaron ao partido do goberno son, no fondo, un fato de perdedores que tenhen que asumir a súa derrota como bos perdedores. Unha visión máis propia dunha novela galdosiana do século XIX, coa imprescindible figura do cesante agardando cos seus volten ao goberno. Con respeto a isa minoría, os seus dereitos,o control dos cartos dos seus impostos ou a visión da cousa pública que poidan ter non son válidos porque non forman parte da maioría. Isa parece ser a lóxica á que obedece a visión do conselleiro.

Nunca entendín, nin entenderei, por que os partidos en Espanha semellan gobernar só para quen os votou. Cando suponse que o obxectivo do goberno é o ben colectivo, de quen te votou e de quen non o fixo, que non deixa de ser cidadán e ter os seus dereitos (xunto as obrigas que supón isa cidadanía). Na mesma entrevista mencionase unha actitude máis dialogante e conciliadora cara ao galego doutro membro da Xunta de Núñez Feijoo (o secretario xeral de política lingüística) que falou no parlamento galego de buscar un novo clima de diálogo en favor da nosa lingua. Pero o conselleiro non quixo saber do tema porque está claro para el que quen non concorda coa súa política minte, é un demagodo, apoia terroristas e non é un demócrata. O certo é que quen concibe un xeito do exercer  o poder público tan impermeable ás criticas debería de matinar si o seu concepto de democracia non é un chisco laxo, e xaquelogo está en perigo de cruzar unha linha dramática no seu tango agarrado con reaccións totalitarias. 

Todo isto á hora de falar de modelo educativo, presenza do galego no ensino e normalización lingüística, e todos istes piropos para organizacións como A mesa pola normalización lingüística ou outros partidos políticos, e daquela democráticos ainda que lle pese ao bo do senhor conselleiro. Hai quen tivo o bon tino de tomar a broma istas afirmacións i é unha actitude moi intelixente, porque tomandoas en serio decataríamos da súa gravidade. De usar con tanta lixeireza ise tipo de afirmacións para descalificar ao adversario político. Concibido como inimigo nunha visión absolutamente maniquea da realidade.

É unha magoa isa aversión dos uns contra os outros, e a paisaxe política galega non é moito máis prometedora cando ollamos ás outras forzas políticas. Na actual situación en que tanto o PSOE como o Bloque están polarizados en loitas intestinas polo poder. As forzas nacionalistas totalmente desunidas i en guerra de descalificacións entre elas. Isa desunión, ise fachendo estéril, non leva a nengures e non beneficia a ninguén, nin ao sistema, nin tampouco aos intereses de Galiza ou aos da nosa cultura.

Polo menos tivemos ista semana a boa nova de que grazas a unha iniciativa popular en change.org a colección de Nova Galicia Banco está en vías de ser declarada Ben de Interese cultural, e quedar protexida para evitar que espalle polo mundo adiante. Confiemos que pase nalgún momento a mans públicas e, daquela, a ser patrimonio de todos os galegos.

Porque é curioso que un personaxe con ideas tan radicais estea a cargo das decisións que afectan á cultura galega. As decisións do PP á hora de escoller persoas para levar os asuntos culturais son elocuentes dabondo con respecto ao seu desprezo pola cultura. En Galiza témolo caso senlleiro de Jesús Pérez Varela e a súa esperpéntica Carminha Burana. No goberno central temos a aquila Esperanza Aguirre que non conhecía a Santiago Segura, para estupor dos propios xornalistas conservadores que a estaban a entrevistar. O propio presidente do goberno actual foi durante un tempo ministro de cultura nos seus anos de cambalache ministerial dentro dos dous gobernos de Aznar. Por non falar da inefable Pilar del Castillo. Alo menos daquela aínda había Ministerio de cultura. Porque agora a cultura foi relegada coa excusa da crise a Secretaría de Estado. Os feitos falan por si sos da estima que lle tenhen a cultura.

Lembro con saudade os tempos en que ise ministerio era defendido por xente da cultura, como Jorge Semprún ou Jordi Solé Turá. Mesmo Carmen Alborch (por suposto que Carmen Calvo non) pero o certo é que Cesar Antonio Molina e Ángeles González Sinde eran xente que vinha diste mundo, coas súas limitacións, pero xente da cultura. Non xestores que desenrolan o seu traballo como simples burócratas.

Por sorte a cultura e unha gran supervivinte e crece nos tempos da censura. É unha mágoa que tenha que falar de política na entrada número 8 do blog. O oito é o meu número favorito e para mín é especial levar xa 8 semanas, dous meses, a compartir as minhas ideas convosco. Por suposto que as linhas precedentes son a mina opinión, xaquelogo subxectiva e non aspiro a estar en posesión da verdade absoluta, porque considero que ninguén o está. A nosa visión do mundo está determinada polas nosas cicunstancias persoais, entorno socioeconómico, educativo, cultural, ambiental, etc. Todo iso fai inevitable que tenhamos ideas distintas, pero a diversidade de ideas é a que mantén viva a nosa sociedade e fainos evolucionar. Se todos pensásemos igual aínda estaríanos nas cavernas.

Asuman senhores políticos que coa bicoca do poder ven o flaxelo da crítica, crítica necesaria para que vostedes non esquezan que son servidores da sociedade, mesmo de quen non lles votou. Que non deixan de ser demócratas por ter outras ideas. E non esquezan que a Cultura (escrita con maiúsculas) é o noso legado para a posteridade, e debe ser defendida e fomentada, aínda que non interese a isa maioría que da o poder (con todas as súas vantaxes) cos seus votos. Porque o poder ou autoridade política non é un privilexio, senón unha responsabilidade.



No hay comentarios:

Publicar un comentario